Invisten 58.000 euros en viais de Santa Xusta e Saiáns
Por Redacción
O Concello de Moraña está a acometer diversas obras de reforzo da seguridade viaria en núcleos rurais das parroquias de Santa Xusta e Saiáns consistentes na construción de muros de contención, instalación de redutores de velocidade e dotación de protección cun investimento de 58.000 euros.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, acompañado por membros do goberno local, visitou estes traballos que se prolongarán por espazo dun mes e beneficiarán aos lugares das Pontellas (Santa Xusta), Santa Margarida e Suigrexa (Saiáns) con medidas orientadas a evitar o derrubo das pistas, reducir a velocidade dos vehículos nestas contornas residenciais e agrícolas e evitar as saídas de vía en zonas con fortes pendentes.
En Santa Margarida estanse a instalar dous badéns redutores da velocidade, coa súa correspondente sinalización, na zona sur desta aldea nas proximidades co entronque da estrada autonómica PO-226.
Pola súa banda, en Suigrexa vaise proceder á desmontaxe de dous muros, previa limpeza da vexetación da zona, e á súa reconstrución en mampostería e pedra do país. Ambos muros, que se sosterán co correspondente recheo, terán unha lonxitude de 25 e 4 metros, respectivamente, e unha altura de 2 metros. Ademais, nesta aldea vanse instalar dúas biondas laterais de protección nas marxes dos taludes.
Finalmente, a actuación proxectada nas Pontellas consiste tamén na reconstrución dun muro de contención para garantir a estabilidade da vía e evitar desplomes materiais sobre a mesma.
"Nos cen primeiros días de mandato xa activamos tres proxectos do plan de mellora de pistas do rural de Moraña con investimentos que xa alcanzan un importe de 263.000 euros e ademais seguimos traballando arreo para chegar canto antes ao noso compromiso de alcanzar os 2 millóns de euros na rede viaria das parroquias ao longo do presente mandato, que é un obxectivo realista e mínimo e que estou convencido de que imos superar amplamente en beneficio dos morañeses", detallou o rexedor local.