Luz verde á rehabilitación da antiga biblioteca de Combarro
Por Redacción
A comisión de seguimento do plan especial de Combarro autorizou este martes o proxecto de rehabilitación da casa San Roque 59, a antiga biblioteca de Combarro, que vai acometer a Deputación de Pontevedra.
Son unhas obras de mellora que ascenden a 136.414 euros e que permitirán deixar o inmoble en perfectas condicións de habitabilidade antes de que o Concello de Poio reciba a súa cesión.
Esta autorización sectorial era indispensable para que a institución provincial obteña a licencia e poida comezar a executar as obras para acondicionar a casa.
Estes traballos consistirán en mellorar o illamento, revisar a estrutura de madeira que soporta a cuberta e substituír aqueles elementos que a constitúen e se atopan en mal estado.
Ademais, acometerase a limpeza da fachada de pedra de xeito manual, empregando cepillos vexetais suaves e xabón neutro; a substitución das contras e das carpinterías exteriores de madeira, así como un novo revestimento de madeira nos soportais exteriores.
O proxecto tamén inclúe implantar un sistema de climatización mediante bomba de calor de alta eficiencia, novas luminarias LED e a renovación da instalación eléctrica, a remodelación do aseo no andar baixo e unha nova instalación de fontanería e saneamento.
O edificio, que se construíu no século XVIII, está incluído no catálogo de edificios protexidos municipais. Dispón de dúas plantas comunicadas entre si por unha escaleira interior e unha exterior de pedra, cunha balaustrada. Diante da casa atópase un dos seis cruceiros de Combarro.
Esta casa, que segundo o edil de Patrimonio, Cándido Muíños, "forma parte da historia e da identidade de Combarro", albergou no seu día a antiga biblioteca e para a veciñanza "é un símbolo cun alto valor cultural e patrimonial".
Relacionadas:
-
Investirán 116.000 euros nas obras de conservación da Casa Barroca de Combarro
Por Redacción |
-
Adxudicada a redacción do proxecto de obra da Casa Barroca de Combarro
Por Redacción |
-
A Casa Barroca de Combarro, camiño de converterse en espazo de referencia para o patrimonio de Poio
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A Deputación prepara a reforma e cesión ao Concello da Casa Barroca de Combarro como recurso turístico
Por Redacción |