O Castelo de Soutomaior, protagonista do Día do Turismo: "É unha xoia que temos a sorte de desfrutar e o deber de coidar"
Por Redacción
O Castelo de Soutomaior converteuse este mércores no protagonista da conmemoración do Día Mundial do Turismo na provincia. A Deputación elixiu este enclave para a conmemoración e fíxoo coincidir cunha visita guiada polos xardíns e o bosque do castelo na que participaron escolares do CEIP Manuel Padín Truiteiro.
O presidente da Deputación, Luís López, puxo en valor o uso do castelo como símbolo cultural, turístico e de coidado do medio ambiente para o conxunto da cidadanía de toda a provincia. "É unha xoia que temos a sorte de desfrutar e o deber de coidar", sinalou.
López estivo acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, e destacou o crecemento das visitas ao castelo e as actividades lúdicas e culturais programadas ao longo de todo o ano deseñadas para toda a cidadanía. Entre xuño e agosto, visitaron o complexo 14.997 persoas, 1.750 visitantes máis que no mesmo período do ano anterior.
Destacou tamén que no castelo hai actividades durante todo o ano. Para o outono están previstos novos programas que xa teñen as súas prazas case esgotadas. As visitas teatralizadas para celebrar o Samaín terán lugar os sábados e domingos de outubro para un público familiar e polas noites do venres e dos sábados para un público adulto.
O 28 de outubro terá lugar un obradoiro sobre árbores e froitas típicos desta tradición e o 4 de novembro una ruta polo bosque para apañar castañas e degustalas que xa ten todas as súas prazas reservadas.
Este ano, o Día Mundial do Turismo leva por lema 'Investimentos Verdes' e Luís López sinalou que se adapta moi ben á provincia e que a sustentabilidade, o respecto polo medio ambiente, a desestacionalización e un crecemento controlado son os obxectivos do goberno provincial en materia de turismo para este mandato.
Relacionadas:
-
Turismo slow e Camiño de Santiago, propostas da Deputación na Feira TTG Travel Experience en Italia
Por Redacción |
-
Esgotadas as 720 prazas para as visitas teatralizadas de Samaín no Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
3.930 persoas pasaron pola oficina de turismo de Soutomaior este verán, dez veces máis que antes da pandemia
Por Redacción |
-
As visitas teatralizadas de Samaín volven no mes de outubro ao Castelo de Soutomaior
Por Redacción |
-
A ocupación hoteleira superou o 86,5 % no conxunto da provincia no mes de agosto
Por Oskar Viéitez |
-
O presidente da Deputación critica a xestión "descontrolada" nos últimos meses do goberno de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |