O sector pesqueiro de baixura terá o seu propio portal de emprego
Galicia é unha das principais potencias pesqueiras europeas. Por número de embarcacións, a frota de baixura, aquela cuxa permanencia no mar non supera as 24 horas, é a máis relevante de Europa.
Segundo os rexistros da Consellería do Mar, dentro da pesca de baixura, a frota de artes menores ou artesanal, na que tamén se inclúe o marisqueo a flote, destaca en canto ao total de embarcacións, con 3.745 unidades. Estes barcos faenan en augas costeiras interiores, sobre todo nas rías galegas. Actividade na que conviven cos 1.261 buques auxiliares de pesca e de acuicultura e coas preto de 3.700 persoas empregadas no marisqueo a pé.
Este sector é clave para a economía das poboacións costeiras, onde gran parte do emprego provén de tarefas relacionadas coa pesca. Co obxectivo de poñer en contacto dun modo máis eficiente a armadores e traballadores en busca de emprego, a asociación Mar Seguro de Galicia está a impulsar a iniciativa EMPREGATENOMAR.
EMPREGATENOMAR
Paula Pardo, técnica de Prevención de Riscos Laborais da asociación Mar Seguro de Galicia, explica que "o proxecto EMPREGATENOMAR é un portal de emprego para o sector da baixura, coma se fose un infojobs pero só para a pesca de baixura".
Por unha banda, recolleranse os datos dos demandantes de emprego. "Un mariñeiro en paro que quere traballar indicaría as titulacións que ten (mariñeiro pescador ou se ten a titulación de patrón, que é quen pode levar unha embarcación), a zona na que querería traballar e a experiencia neste sector", indica a técnica.
Por outra banda, estarían os propietarios dos barcos, que son os que buscan traballadores. "No caso dos armadores, a idea é que cubran un cuestionario sinxelo e logo nós poñémonos en contacto con eles e somos os que realmente enchemos a ficha máis completa e facemos a procura por eles. Seleccionamos uns cantos candidatos, poñémolos en contacto e despois eles xa deciden a quen contratar", explica Paula.
A asociación Mar Seguro de Galicia leva quince anos dando resposta ás necesidades da frota de baixura galega, a través do seu Servizo de Prevención, o Departamento de Formación e o Departamento de Desenvolvemento e Investigación. "Creáronnos as confrarías de pescadores e as diferentes federacións para facer servizo de prevención mancomunado e poder traballar na seguridade do sector". Conta con máis 1200 socios e o seu ámbito territorial abarca toda a Galicia costeira. Paula Pardo destaca a presenza da asociación nos portos da Ría de Pontevedra. "A maioría das embarcacións de Pontevedra, Bueu, Raxó ou Portonovo están asociadas a nós", sinala.
PROFESIONALIZAR A BUSCA DE EMPREGO
Precisamente durante o seu traballo nos peiraos, os técnicos da asociación descubriron que a maior queixa dos armadores residía na falta de traballadores. "Os mariñeiros vanse xubilando e, sen substitución xeracional, cústalles moitísimo atopar novas persoas para as súas tripulacións", apunta a técnica de prevención.
Os mariñeiros vanse xubilando e aos armadores cústalles moito atopar novas persoas para as súas tripulacións
Pese ao avance de Internet, a forma habitual de busca de emprego neste sector segue sendo tradicional. "A xente achégase polo peirao e vai preguntando, ou colgan unha folla con 'busco traballo' picada cunha chincheta no pantalán, ou algúns que son un pouco máis modernos teñen un currículo e lévano á confraría", engade Pardo. De aí naceu a idea de crear este portal de emprego, que actualmente se atopa na fase de desenvolvemento informático. "Unha vez que a parte informática xa estea activa, empeza o noso traballo, o dos técnicos, de buscar a información nos portos cando nos transmitan esas necesidades, dixitalizala, subila á plataforma, facer reunións nas confrarías para poder contar o noso proxecto…" A previsión é que o portal de emprego estea a funcionar a finais de ano.
Este proxecto, que conta co apoio do Plan Social de Ence Pontevedra na categoría de emprendemento e innovación, vai contribuír a profesionalizar a busca de emprego na pesca da baixura e a fomentar a competitividade do sector, a creación de emprego e a igualdade de oportunidades. Ademais, todos os proxectos que desenvolve Mar Seguro de Galicia promoven a cultura en protección ambiental e de calidade no traballo, a economía circular e a pesca sostible.
FOMENTAR A ECONOMÍA LOCAL E SOSTIBLE
"A de baixura é a pesca máis sostible porque vai encamiñada unicamente ao recurso que captura, e é moito menos contaminante porque os desprazamentos son moi curtos. Con este proxecto, por exemplo, todo o gasto que se facía en gasolina para moverse de porto en porto para buscar traballadores, quedaría reducido ao facelo cun portal en liña", comenta Paula Pardo.
O fomento da pesca de baixura é clave para evitar o despoboamento das localidades costeiras de Galicia
A técnica tamén destaca a aposta pola economía circular e de proximidade, poñendo en contacto a persoas de portos veciños. "Se cadra a xente de Cangas busca traballo só en Cangas, pero Bueu e Moaña están á beira e non se desprazan ata aí, porque non saben que nun porto próximo hai unha praza vacante". Deste xeito, "tamén é unha maneira de fixar poboación nas zonas costeiras e de que a xente nova atope unha saída na pesca na súa contorna, de modo que non se acabe indo a grandes cidades ou emigrando".
O fomento da pesca de baixura é clave para evitar o despoboamento das localidades costeiras. Por iso, desde Mar Seguro de Galicia valoran a axuda do Plan Social de Ence Pontevedra. "Este apoio do Plan Social é moi importante para as confrarías porque a súa economía baséase nas capturas que levan ás lonxas, e teñen anos en que a produción baixa. Esta axuda sempre é importante e moi ben recibida".
En canto ao proxecto EMPREGATENOMAR, "sen a axuda de Ence non poderiamos desenvolvelo, e a verdade é que é un proxecto que nos parece moi interesante porque pode axudar moito ao sector, que ao final é do que se trata", conclúe.