A Rede de Cidades Saudables recoñece a aposta de Vilagarcía polos camiños escolares seguros
Por Redacción
A Rede de Cidades Saudables, promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), recoñece a aposta de Vilagarcía de Arousa polos camiños escolares seguros.
Esta rede está integrada por 507 entidades locais de toda España, que suman 27,5 millóns de persoas, e recoñece a Vilagarcía na categoría de "Fomento dun Desenvolvemento Urbano Saudable e Sostible" dos seus premios.
O proxecto de Vilagarcía foi considerado o mellor dos presentados entre as poboacións de máis de 20.000 habitantes.
Desde o Concello de Vilagarcía sinalan que é un orgullo recibir este novo recoñecemento, que supón un referendo ao modelo de cidade que vén desenvolvendo dende hai oito anos.
Tal e como fixeron hai un ano, cando recibiron o premio da rede de Cidades que Camiñan, o Concello quere compartilo coa cidadanía, porque "sen a súa complicidade non sería posible ese proceso de transformación urbana".
Só no proxecto da contorna do colexio da Lomba, o Concello investiu 550.000 euros e agora trabállase en levar o mesmo modelo aos centros da Escardia e Anexo A Lomba, de novo en colaboración con Stop Accidentes.