A Escardia e o Anexo A Lomba súmanse aos camiños escolares seguros en Vilagarcía
Por Redacción
O denominado VaiSchool!, segunda fase do proxecto de camiños escolares de Vilagarcía de Arousa, iniciaba a súa marcha este luns nos centros escolares de Escardia e no Anexo A Lomba.
Desde esta xornada está aberto o prazo para que as familias se apunten nesta actividade que se desenvolve entre a concellería de Mobilidade e a asociación Stop Accidentes a través dun convenio de colaboración.
Durante este luns foron repartidos os dípticos cos percorridos dos camiños seguros de cada centro, unha proposta realizada a través das enquisas de mobilidade solicitadas durante o anterior curso entre as comunidades educativas.
Esta iniciativa é similar á emprendida o curso pasado nos colexios do complexo educativo da Lomba, no que figuran Arealonga, Lomba, Vagalume e Escola Infantil Municipal.
Stop Accidentes xa ofrecera obradoiros para sensibilizar aos escolares sobre as normas de circulación e medidas de seguridade viaria, que terán continuidade. Ao longo dos próximos meses tamén se realizarán actividades nas aulas con posta en marcha de prácticas como peóns, pasaxeiros ou ciclistas. Trátase de preparativos para a organización dos grupos que entrarán na actividade definitiva dos camiños escolares seguros na primavera de 2024.
A iniciativa está previsto que funcione como un banco de tempo no que as familias se roten para acompañar aos escolares, facilitando a conciliación laboral.
Durante os próximos meses tamén quedarán sinalizadas os roteiros dos novos camiños seguros co pintado do solo e a instalación dos sinais horizontais de VaiSchool!
A Escardia e o Anexo A Lomba contan con cinco camiños seguros para canalizar o paso dos escolares desde distintas zonas do municipio.
Os da Escardia parten desde a avenida Rosalía de Castro; do estanco de Doutor Tourón; desde a rotonda de Larsa, na avenida das Carolinas; e desde a Rúa Estación.
O Anexo A Lomba presenta trazados desde a urbanización Invisa; Blanco Amor, en avenida das Carolinas; desde a farmacia de Doutor Tourón; desde a Avenida da Mariña; e desde o cruzamento de Rosalía de Castro con Moreira e Casal.
Este proxecto foi recoñecido no Estado coa obtención dun dos premios anuais concedidos pola Red de Ciudades Saludables.
Relacionadas:
-
A 'papanoelada ciclista' organizada por Arousa en Bici celebrarase este domingo
Por Redacción |
-
A Rede de Cidades Saudables recoñece a aposta de Vilagarcía polos camiños escolares seguros
Por Redacción |
-
A rede de Cidades que Camiñan premia o proxecto de transformación de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Stop Accidentes ofrecerá apoio técnico para poñer en marcha o primeiro Camiño Escolar Seguro na Lomba
Por Redacción |
-
Comeza a mellora nos accesos aos colexios da Lomba para convertelos nun "camiño escolar seguro"
Por Oskar Viéitez |