Stop Accidentes ofrecerá apoio técnico para poñer en marcha o primeiro Camiño Escolar Seguro na Lomba
Por Redacción
Novo paso para poñer en marcha o proxecto de Camiños Escolares Seguros en Vilagarcía de Arousa. Este martes, a concelleira de Mobilidade, Paola María, e a presidenta da asociación Stop Accidentes, Jean Picard, mantiñan un encontro no Auditorio Municipal con representantes dos claustros dos colexios da Lomba para analizar os preparativos dos primeiros roteiros desta iniciativa.
A intención do goberno local é establecer unha rolda de participación entre colectivos implicados para deseñar e poñer en marcha este proxecto que conta con financiamento da Unión Europea. Este primeiro Camiño Escolar Seguro establecerase na zona de Matosinhos-A Lomba, unha contorna no que se concentran catro centros educativos de Infantil e Primaria.
Os técnicos de Stop Accidentes apoiarán a proposta para elaborar trazados de roteiros e, ao mesmo tempo, implicar á sociedade para que funcionen de maneira exitosa. Desta forma, nos encontros realízase un diagnóstico da situación actual e explícanse os posibles itinerarios que se establecerían, desde varios puntos da cidade, para garantir os roteiros ata o complexo educativo da Lomba dunha forma segura, segundo informa o Concello de Vilagarcía de Arousa.
Esta zona é a que máis escolares suma dentro do municipio ata o punto de que, a diario, circulan mil persoas entre docentes e alumnado para acceder aos centros. A esta cifra hai que sumar familiares que se achegan para trasladar a fillos ou netos e que, en moitas ocasións, utilizan vehículos, con presenza de ao redor de 600 turismos diarios.
Os Camiños Escolares Seguros buscan que o alumnado gañe en autonomía persoal e poida desprazarse entre a escola e os seus domicilios a pé ou en bicicleta, evitando viaxes motorizadas no coche familiar. A idea establece que exista unha supervisión desa mobilidade, coa implicación de familiares, policía local, profesorado e persoal voluntario para que os traxectos sexan seguros. Tamén se busca a colaboración da hostalería e comerciantes atendendo a outros modelos xa implantados noutras cidades.
O proxecto de Matosinhos-A Lomba está elaborado pola área de Mobilidade do Concello e inclúese no Plan Moves. A axuda concedida pola Unión Europea é de 350.000 euros dentro dun custo total que ascende a 700.000 euros. O Concello ten reservados 400.000 euros a través do préstamo solicitado con cargo aos orzamentos de 2021 e do programa 'Vilagarcía Avanza', tamén financiado con fondos europeos.
Esta previsto tamén realizar unha obra civil na contorna do espazo escolar para adaptalo ás necesidades de tránsito dos peóns para que poidan acceder de forma segura. Crearanse zonas de xogo, outras para espera de familiares, puntos de tránsito e aparcamentos de bicicletas. Tamén se crearán puntos denominados Bico e Vai! para as familias que necesariamente se vexan obrigadas a levar ou recoller aos escolares usando o coche particular. O proxecto técnico para esta obra está elaborado e en proceso administrativo para que salga a licitación.