O goberno municipal aproba en solitario a suba do IBI e da viñeta en Sanxenxo
Por Redacción
Cos únicos votos a favor dos membros do goberno municipal, o pleno de Sanxenxo aprobou as subidas fiscais previstas, a do IBI ao 0,48%, e a coñecida como a viñeta, o imposto de circulación. A oposición, composta por PSOE e BNG, votou en contra.
No pleno, que comezou cun minuto de silencio polo falecemento do concelleiro socialista, Antonio Cacabelos, a edil de Facenda, Paula Martínez, expuxo os motivos que levan ao goberno á actualización "moderada" do IBI, o garantir os servizos públicos.
A subida supoñerá un incremento de entre 8 e 20 euros anuais para o 50% das familias e entre 21 e 50 euros para o 26%, que non situará a Sanxenxo entre os concellos co IBI máis alto, senón no posto 25 "e iso se ningún outro o sobe”, segundo Martínez.
Esta necesidade de obter maiores ingresos, sostivo a concelleira do PP, débese ao incremento significativo de servizos como o SAF, o centro de día, a iluminación pública, a piscina municipal, a escola de música ou os socorristas das praias.
"Decidimos concentrar a subida no imposto máis progresivo para que ás familias con menos renda lles afecte menos o incremento", engadiu, defendendo que o 76% de familias só achegan o 30% dos ingresos do IBI.
Con respecto ao imposto de circulación, os que teñen vehículos con entre 8 e 11,99 cabalos fiscais verán incrementado o recibo en dez euros ao ano, pasando de 40 a 50 euros; e os de entre 12 e 15,99 cabalos fiscais sufrirán unha subida de 21 euros anuais, pasando de 105 a 143.
O portavoz do BNG, Fran Leiro, subliñou que no pleno "volveron quedar patentes as mentiras e as consecuencias das políticas especulativas e de cemento do señor Telmo Martín" e asegurou que o proceder do PP "é unha falta de respecto para toda a veciñanza".
"Non poden pretender facer crer á cidadanía que se dan conta agora do necesario desa suba, cando apenas hai tres meses anunciaban en campaña electoral que ían baixar impostos", reprochou o edil nacionalista, que censurou tamén a suba de salarios no goberno municipal.
Esta medida, segundo o BNG, é é consecuencia do "catastrazo" aplicado polo PP en 2014, que tivo como consecuencia o incremento dos valores catastrais de todos os bens inmobles, o que Leiro vinculou coa "pésima xestión" do goberno municipal.
Relacionadas:
-
O Concello de Meaño vese "forzado" a subir o IBI
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas sobe o IBI ao 0,45 e implanta unha taxa de vaciado de fosas sépticas
Por Redacción |
-
Marín subirá o IBI e a viñeta e estuda facer o mesmo coa taxa de abastecemento e saneamento
Por Redacción |
-
O BNG vincula a subida do IBI coa "política de cemento e especulación" de Telmo Martín
Por Redacción |
-
Sanxenxo incrementará o seu IBI do 0,40% actual ao 0,48% e subirá tamén a viñeta
Por Redacción |