Os 'populares' alertan do custo para Pontevedra da negociación de Pedro Sánchez cos independentistas
Por Oskar Viéitez
Os deputados pontevedreses do Partido Popular Ana Pastor, Irene Garrido e Pedro Puy e os senadores Pepa Pardo, Nidia Arévalo e José Crespo auguran "máis adiamentos e incumprimentos" nos investimentos do Goberno de España pendentes para a provincia.
Os ‘populares’ cifran os máis de 90 proxectos do Estado pendentes en toda a provincia de Pontevedra en 4.227 millóns de euros e din que "van seguir paralizados e no esquecemento" debido ás "transferencias que Pedro Sánchez e o Partido Socialista realizarán a Cataluña para garantirse unha nova investidura como presidente".
Ana Pastor sostén que "a reelección de Pedro Sánchez vai ter un custo milmillonario a prol de Cataluña" e iso vai supoñer que "eses cartos detraeranse doutras comunidades" e, principalmente, "de Galicia e da provincia de Pontevedra" asegura a deputada do PP.
Ana Pastor basea o seu argumento en que iso "foi o que nos amosou nestes cinco anos, caracterizados polo desleixo, abandono e discriminación da nosa terra en favor doutros territorios onde ten as súas preferencias e intereses", lamentou.
Os deputados pontevedreses ven a "Sánchez atado aos independentistas e o apoio da súa muleta do BNG, que está sumido na irrelevancia máis absoluta".
Os tres representantes do PP da provincia no Congreso aseguran que a negociación económica de Sánchez con Cataluña, "xa ten un prezo de saída, que pasa pola condonación da súa débeda de 450.000 millóns de euros, unha cantidade estratosférica, xa que só co 1% da mesma poderían executarse todos os investimentos pendentes na provincia de Pontevedra".
Relacionadas:
-
O debate pola amnistía embaza a concordia do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE pontevedrés abre o novo curso político sacando peito por ser "a provincia máis socialista de Galicia"
Por Redacción |
-
Feijóo en Soutomaior: "Hablar, sí; dialogar, también; pero chantajes, no"
Por Oskar Viéitez |