O PSOE pontevedrés abre o novo curso político sacando peito por ser "a provincia máis socialista de Galicia"
Por Redacción
Os socialistas pontevedreses mantiveron este martes a primeira reunión da Executiva Provincial do novo curso político e, a modo de balance, presumiron de ser "a única provincia galega na que as forzas de progreso se impuxeron ao PP" nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo.
O órgano socialista xuntouse para dar inicio ao novo curso político "na provincia máis socialista de Galicia" e o seu secretario xeral provincial, David Regades, destacou que "a cidadanía entendeu a mensaxe do Partido Socialista na provincia".
Nesa liña, subliñou que o PSOE mantivo os tres deputados no Congreso por esta provincia, mentres perdeu un deputado en cada unha das outras tres circunscricións galegas. "Fomos os que paramos á dereita e ao BNG en Galicia, volvendo a evidenciar que o modelo desta provincia é a vía para que o PSOE goberne tanto en España como en Galicia", engadiu.
O secretario xeral provincial destacou que a provincia segue a ser o dique de contención do PP, "a espiña que Feijóo e Rueda teñen cravada e non logran quitarse", pero tamén "o antídoto contra un BNG que se postulaba como o freo a Vox e que volveu quedar cun só deputado pola provincia da Coruña e sen representación por Pontevedra".
Ademais, afeoulle aos nacionalistas a traxectoria do seu único deputado, Néstor Rego, que "non soubo sumarse ás forzas de progreso" que sacaron adiante tres orzamentos históricos para Galicia e, "inexplicablemente", votou en contra dunha vintena de leis que "melloraron a vida da xente con avances como a suba das pensións ou a reforma laboral".
Diante da Executiva provincial na sede da UNED en Pontevedra, Regades lembrou tamén que o PSOE alcanzou case un 31,5% do voto na provincia, moi por enriba da media galega e practicamente na media española.
Tamén destacou o avance en votos durante os últimos comicios en moitos dos 61 concellos da provincia e, moi especialmente, os "resultados espectaculares" acadados en Vigo, Redondela, O Grove, Fornelos de Montes e a A Illa de Arousa, onde a papeleta do PSdeG-PSOE foi a máis votada.
Tendo en conta estes datos, presume de que co "modelo" da provincia de Pontevedra, "xa habería un Goberno socialista na Moncloa, apoiado nunha ampla maioría, e Rueda estaría contando os días que lle quedan á fronte da Xunta".
Regades reivindicou a "contribución decisiva" do socialismo pontevedrés para que Pedro Sánchez volva ser investido presidente do Goberno socialista. Foron elixidos David Regades, Margarita Adrio e Modesto Pose para o Congreso e Carmela Silva para o Senado.
Relacionadas:
-
18 de febreiro de 2024, data das eleccións galegas
Por Redacción |
-
Os 'populares' alertan do custo para Pontevedra da negociación de Pedro Sánchez cos independentistas
Por Oskar Viéitez |
-
Nin pontevedresa nin muller: Abel Losada soa "moi forte" para substituír a Maica Larriba na Subdelegación do Goberno
Por Natalia Puga |
-
23X | Os sete deputados e catro senadores pontevedreses que tomarán posesión o 17 de agosto
Por Natalia Puga |
-
23X | Pontevedra decidiu: o PP gaña en votos pero empata co PSOE en escanos
Por Alejandro Espiño |