Premio nacional ás boas prácticas da UCI de Neonatos do Hospital Provincial
Por Redacción
A Unidade de Coidados Intensivos Neonatais (UCI) do Hospital Provincial de Pontevedra acaba de ser recoñecida entre candidaturas de centros sanitarios de toda España cun premio nacional á súa sustentabilidade operativa.
O grupo internacional Chiesi outorga este galardón pola xestión que efectúa a UCI neonatal pontevedresa dos impactos tanto asistenciais, coma ambientais e sociais, fomentando un compendio de boas prácticas de organización operativa da unidade.
A unidade neonatal participou cun proxecto orientado a utilizar os recursos dispoñibles minimizando o impacto medio ambiental. A iniciativa, presentada pola doutora Raquel Martínez Lorenzo, parte dunha valoración xeral da unidade coa participación de todo o persoal que traballa nela.
Con este traballo, a UCI neonatal pontevedresa conseguiu colaborar coa Axenda 2030 da ONU na consecución dos seguintes obxectivos de desenrolo sostible: saúde e benestar, educación de calidade, auga limpa e saneamento, enerxía asequible e non contaminante e produción e consumo responsables.
O galardón valorou o labor de todo un equipo multidisciplinar, que optimizou a xestión enerxética e o reciclaxe da unidade cunha serie de medidas postas en marcha na que se implica a todo o persoal relacionado coa mesma.
O doutor José Antonio Couceiro Gianzo, Xefe do Servizo de Pediatría do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés salienta que este premio nacional "referenda a humanización da atención e o traballo de equipo que prestamos na nosa UCI aos recentemente nados prematuros e ás súas familias".
"Os nosos sistemas de sustentabilidade e compromiso asistencial e medioambiental tamén colaboran a reducir a duración das estadías dos neonatos na unidade, e con iso os potenciais riscos de infección, mellorando a calidade de vida dos meniños e os seus pais, que poden recuperar paulatinamente unha vida máis normal", sinala o doutor.
Este premio nacional contribúe a dar visibilidade ás novas tecnoloxías implementadas polo centro sanitario para asegurar a mellor atención dos bebés.