Oitenta bebés prematuros naceron neste 2023 no Hospital Provincial
Por Redacción
Este venres 17 celébrase o Día Mundial do Prematuro e a unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra indica que, entre xaneiro e novembro deste 2023, naceron ao redor de oitenta bebés prematuros nas instalacións do Hospital Provincial.
A cifra representa un 8% dos nacementos totais no que vai de ano. Os bebés prematuros supoñen un 35% do total anual de ingresos na unidade de Neonatoloxía do centro hospitalario.
A prematuridade rexístrase nalgúns partos múltiples ou cando se produce unha patoloxía materna como hipertensión ou diabetes, entre outras.
As tres grandes tipoloxías de bebés prematuros sitúanse entre aqueles que nacen entre a semana 32 e a 37, denominados prematuros moderados e tardíos. Os nados entre a semana 28 e a 32 son considerados moi permaturos. Por último, os bebés que nacen antes da semana 28 de xestación defínense como prematuros extremo, segundo informan desde a área sanitaria.
PATUCO DE HONRA
Con motivo desta data de conmemoración, a Asociación Galega de familias de Nenos Prematuros (AGAPREM) entregou o Patuco de Honra ao pediatra Javier Herrero Hermida, especialista en cardioloxía infantil, O acto desenvolvíase no Hospital Principal e recoñecíase o seu gran traballo no coidado dos neonatos e a empatía e agarimo que mantén cos familiares.
Ana Valuja, representante da asociación, realizou a entrega do distintivo como nai de Olivia, unha nena prematura nada en 2018 no Hospital Provincial.
Tamén se celebraba nesta xornada un encontro con representación de pais, nais e bebés prematuros atendidos durante os últimos anos na unidade de Neonatoloxía do centro hospitalario.
Actualmente en España, segundo os datos sanitarios, un de cada trece nacementos son prematuros.