Cando a axuda ante o duelo chega en silencio: "O maior consolo para un ser humano é sentirse escoitado"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Se estás a pasar proceso de duelo por unha perda significativa na túa vida, xa sexa unha morte, unha ruptura ou unha mudanza, terás a alguén que te escoite no Centro de Escoita San Camilo de Pontevedra. Fano posible os 14 voluntarios e voluntarias deste colectivo, que empezaron a formarse no ano 2014 e a atender aos pontevedreses en 2017. Desde entón, máis de 100 persoas se han beneficiados dos seus servizos altruístas.
O punto de partida do seu traballo é a convicción de que "o maior consolo para un ser humano é sentirse escoitado, acollido, sentir que pode falar con liberdade". Explícano a PontevedraViva Marina Hernando e María Jesús Rodríguez, voluntarias deste centro de escoita.
Este venres, 6 de outubro, celebran o Día da Escoita para dar a coñecer o seu traballo e sensibilizar á poboación sobre os beneficios da experiencia de sentirse escoitado, que "é como recibir un voto de confianza, sentirse recoñecido, aceptado, respectado".
Entre as 10.30 e as 19.30 horas deste venres, estarán na praza da Peregrina cunha mesa informativa na que explicarán o seu traballo e entregarán á poboación material con recursos básicos á hora de escoitar a calquera ser querido.
Aí explicarán que calquera persoa que sufrise unha perda importante pode chamar ao seu número de teléfono -652.385.332- ou contactar por correo electrónico -centrodeEscoitapontevedra@gmail.com- e daranlle unha cita previa pare un encontro con algún dos seus voluntarios. "Ofrecémoslle un espazo seguro no que se vai sentir acompañado", explican. E a partir de aí, pode empezar a saír da fochanca.
Os encontros son gratuítos e confidenciais e, aínda que San Camilo naceu no seo da igrexa, son aconfesionais. Nin sequera se sabe onde é o seu centro de escoita, tan só as persoas que pidan acudir reciben a dirección. E alí persoas preparadas terán un encontro dunha hora unha vez á semana durante o tempo que faga falta e nas condicións que sexan necesarias ata que consideren que xa non necesitan máis axuda. Ou ata que, ante unha nova perda, volvan acudir.
"Non somos médicos nin psicólogos, escoitamos"
E é que, moitas veces, "cando estás a sufrir unha perda, hai moitas emocións que non entendes" e expresándoas libremente e sentíndote escoitado, pódeste dar conta de que "todo é aceptable no duelo" e tamén de que, en realidade, moitas veces a resposta está en nós mesmos e temos recursos persoais para afrontar as dificultades. Moitas veces, só é necesario pararse, pensar e expresar en voz alta o que che pasa.
Na sociedade actual, na que moita xente atópase soa e outros moitos, no trafego diario, non atopan espazos para eles mesmos, atopar un espazo no que expresarte libremente e con calma é un rara avis, por iso é polo que "cando o verbalizan, xa se dan conta, son eles os que atopan os recursos. Parámonos e poñémonos a expresar o que sentimos".
Para lograr esa sanación, ás veces é necesario acudir a un profesional, a un psicólogo e/o psiquiatra, pero outras o que precisas é que alguén te escoite ben. E aí entra o papel de San Camilo, que moitas veces é mesmo complementario ao dos profesionais. "Non somos médicos nin psicólogos, escoitamos", aclaran.
Contan con formación específica en escoita activa e respectuosa, algúns están especializados nun perfil de duelo ou sufrimento como o suicidio ou os adolescentes, e todos ten en común unha empatía que os pon en disposición de escoitar sen xulgar e que a outra persoa poida expresar as súas emocións, a súa dor sen sentirse criticada, senón só acompañada.
Sentirse escoitado "é como recibir un voto de confianza, sentirse recoñecido, aceptado, respectado"
"Non é fácil escoitar ben pero pódese aprender", explican. Eles fixérono con formacións continuas que tamén abriron a outros colectivos e, como resultado desas aprendizaxes, saben que o seu papel non é outro que escoitar e axudar desde o silencio mentres o outro fala. "Non damos consellos nin solucionamos a vida nin dicimos que se ten que facer. Iso á xente reláxaa", indican Marina e María Jesús.
María Jesús deuse conta da necesidade de escoitar, e de formarse para facelo, tras a crise do ano 2008, cando, no seu despacho de avogada, había moitos clientes que lle contaban as súas perdas e desafogábanse. Mariña, nos velorios e funerais, nos que moitas veces non sabía que dicir ou como reaccionar. Agora, ambas saben como axudar só escoitando.
"Se ten que chorar, déixao chorar. Non tes que cortar á xente o pranto ou a rabia", é unha das leccións que aprenderon, e déronse conta de que, en xeral, a xente ten "boa intención" para axudar aos demais, pero non saben como facelo. Así, por exemplo, de pequeno, "dinche: non chores" sen darse conta de que, se xa desde pequeno aprendes iso, "toda a vida te vas reprimir".
O seu traballo vaise adaptando á evolución da sociedade e, na actualidade, por exemplo, reciben moitas peticións de escoita de sobreviventes dun suicidio, que segue sendo un tabú na nosa sociedade, ou dos "duelos perdidos" como as perdas perinatais nas que as familias que perden un bebé antes de nacer ás veces senten que non se poden desafogar.
Esas persoas teñen necesidade de verbalizar a palabra tabú e tamén de sentir que non son os únicos. Para ese perfil de persoa que necesita ser escoitada, e tamén para moitos outros, viron a necesidade de facer encontros grupais nos que atopen a outras persoas na mesma situación. Será o seu próximo reto. Mentres, seguen escoitando.