A renovada Festa do Polbo de Bueu estrearase en abril de 2024
Por Redacción
En abril de 2024, entre a Semana Santa e o verán. Esa é a data elixida para a estrea do novo formato da Festa do Polbo de Bueu que, tras máis de vinte anos, reformúlase e convértese nas Xornadas de Exaltación do Polbo.
A edil de Turismo, Silvia Carballo, que presentou este martes o novo formato á hostalería da vila, explicou que estas xornadas celebraranse durante dez días a finais do próximo mes de abril.
O cambio de datas desta celebración gastronómica busca darlle un pulo ao sector turístico de Bueu antes da tempada estival e despois da Semana Santa, ao tempo que se promove este cefalópodo, que é o produto estrela da localidade.
Desde o Concello, conxuntamente coa confraría de pescadores San Martiño de Bueu, xa se anunciara a suspensión da festa este ano para traballar nunha proposta novidosa, que pasa por desestacionalizar o evento, aínda que tendo, como era habitual, o polbo como protagonista.
Dado que o máis atractivo da festa eran as tradicionais e orixinais especialidades elaboradas con polbo, este seguirá sendo o seu distintivo.
Así, cada local participante na nova iniciativa ofertará un prato no que o polbo de Bueu sexa o protagonista. Que o polbo sexa da vila é un dos requisitos principais.
O Concello, xunto coa confraría, subvencionará unha parte do prezo do produto, co obxectivo de que se poidan manter os prezos populares para as persoas consumidoras.
A iniciativa irá madurando nos vindeiros meses e desde os organizadores fan un chamamento para que a hostalaría local se una e se poida contar cun número importante de locais adheridos.