Condenan o Concello a indemnizar un policía xubilado por asistir ao xulgado por un asunto pendente da súa actividade
Por Oskar Viéitez
Os representantes do sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) esíxenlle ao Concello de Pontevedra que "cese na vulneración de dereitos laborais" do seu persoal.
Os servizos xurídicos deste sindicato acaban de conseguir, en procedemento abreviado, que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 lle recoñeza a un policía xubilado a indemnización a que tiña dereito por asistir como testemuña a un xuízo a petición do Concello.
O procedemento tiña relación coa actividade policial do axente cando estaba en activo e a lexislación recoñécelles ás testemuñas unha compensación polos gastos, que correrá a cargo de quen os propón, neste caso a Administración local pontevedresa.
Para Comisións Obreiras, a negativa do Goberno local a aboar a dita compensación "é aínda máis grave", xa que o III Acordo regulador do persoal funcionario do Concello de Pontevedra "establece unha indemnización especial para os policías cando se efectúen comparecencias ante as autoridades xudiciais e fiscais".
A resolución xudicial determina unha indemnización para a testemuña de 46,38 euros que xa foron aboados, pois non se presentou recurso.
CCOO considera que esta cantidade "obviamente non cobre os trámites nin o tempo empregados por este traballador e a asesoría xurídica do sindicato", pero pon de manifesto "un abuso máis" do Concello de Pontevedra, "negándolle un dereito a un policía que se xubilou despois de máis de 36 anos de servizo".
O sindicato coida que "hai motivos suficientes" para pedirlle explicacións ao alcalde e que o Goberno local ten que "reconducir de maneira inmediata esta política de ataque e abuso, especialmente aos colectivos de Policía e Bombeiros, que pon en grave risco a garantía dos dereitos laborais con criterios de obxectividade, igualdade, transparencia e suxeición ao interese xeral".
Relacionadas:
-
O Xulgado dá a razón a CCOO ao reclamar a indemnización a un policía local por asistir como testemuña a tres xuízos
Por Redacción |
-
Unha policía local de Pontevedra non pode ser árbitra profesional en Primeira División por incompatibilidade laboral
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot | Creada e actualizada