Tres días de loito oficial na provincia polo incendio de Vigo no que perderon a vida catro persoas, tres delas menores de idade
Por Diego Espiño
A Deputación de Pontevedra decretou tres días de loito oficial na provincia polo tráxico incendio rexistrado durante a madrugada deste mércores 11 de outubro no centro de Vigo, e no que perderon a vida catro persoas, unha nai e tres dos seus fillos.
O incendio declarouse no número 6 da rúa Alfonso X El Sabio de Vigo ao redor das 04.00 horas da madrugada, e no mesmo resultaron feridas ademais outras nove persoas.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, preocupan especialmente os casos dunha nena de 8 anos que se atopa en estado grave na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Álvaro Cunqueiro, e o doutro dos feridos que se atopa na UCI do Hospital Povisa.
Ademais de decretar tres días de loito, a administración provincial cancelou toda a súa axenda pública e as bandeiras do Pazo Provincial da Deputación e o Edificio Administrativo en Pontevedra, así como na súa sede de Vigo, ondean a medio mastro.
O presidente da Deputación, Luis López, quixo ademais trasladar "as condolencias da corporación e o noso agarimo ás familias, aos seus seres queridos e a todas as persoas afectadas por este suceso".