Unha muller ferida en Sanxenxo tras envocar o seu coche na PO-308
Por Redacción
Unha muller resultou ferida esta tarde tras sufrir un accidente na PO-308, ao seu paso por Sanxenxo. O seu vehículo, que saíu da vía, acabou envorcado sobre a calzada.
O accidente produciuse sobre as cinco e media da tarde, segundo informou o 112 Galicia. Ocorreu no tramo que une a estación de autobuses de Sanxenxo con Baltar.
No sinistro non se viron implicadas máis persoas, pero o coche accidentado si levou por diante un cartel de sinalización que estaba ao bordo da calzada.
Ao lugar trasladáronse efectivos do GES de Sanxenxo, os bombeiros do Salnés e persoal sanitario do 061 que, tras avaliar á ferida, confirmaron que non revestía gravidade.