Gastronomía, música e moito medo para unha fin de semana de Samaín en Soutomaior
Por Redacción
O Samaín chegará este ano adiantado a Soutomaior cunha programación completa para todos os públicos os días 28, 29 e 31 de outubro nas que estarán presentes a música, a ambientación máis terrorífica e a gastronomía.
O alcalde de Soutomaior e concelleiro de Festas, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica e Hostalería, Rosana Comesaña, presentaron o programa, que terá o seu día grande o sábado 28, cunha festa á que dende o Goberno Local animan a participar a todas e todos os veciños coa caracterización dunha personaxe típica desta época do ano.
Manu Lourenzo anima a todo o mundo a participar nesta celebración tradicional. "Agardo que as veciñas e veciños se animen a vivir esta tarde-noite máxica, misteriosa e apaixoante que lles temos preparados dende o concello", sinala.
A actividade comezará ás 17:45 horas na Praza de Cima de Vila cun obradoiro de candeas e outro de maquillaxe. Ás 19:00 dará comezo a Noite de Ánimas, coa animación a cargo de Hípica Celta que consistirá nun pasarrúas que se iniciará no cruce de Praza de Cima de Vila percorrerá a avenida Xosé Solla para rematar en Talo Río.
A Santa Compaña e o seu séquito guiarán ás persoas asistentes neste percorrido que será moi participativo. Dende o Concello convidan aos asistentes á que porten cirios, candeas, cabazas talladas alumeadas, e que todas e todos vaian coa vestimenta propia para a ocasión.
A festa continuará en Talo Río a partir das 20:30 co tren asador de castañas con degustación de balde. Como novidade, tamén haberá un concurso de doces e sobremesas de tempada para as asociación do municipio.
En Talo Río tamén haberá sitio para ambientación interactiva, 'Entreosmuros', un espazo onde entrarás no mundo das tradicións desta época do ano. O Concello anima a que os e as asistentes leven a súa cabaza da casa.
Nesta festa non faltará a música e “A Duendeneta” animará a velada ata o fin de festa dese sábado 28 de outubro.
O domingo aterrará no Multiúsos de Arcade o Escape Room Especial Samaín 'Libera á pantasma'. Haberá 2 salas para este espace room unha para nenas e nenos de 3 a 7 anos e outra para nenas e nenos a partir de 8 anos.
Haberá un total de 5 pases en cada sala (17:00, 17:30, 18:00, 18:30 e 19:00) e as e os interesados deberán de inscribirse en liña ata o xoves 26 de outubro en: https://www.gabinetesoutomaior.com/index.php/inscricions-menu/inscricions-en-lina
O martes 31, o programa Outono Aventura tamén se suma á celebración do Samaín cunha xincana moi especial. Unha cita destinada a mozas e mozos de 14 a 17 anos onde percorrerán as rúas de Arcade gozando dunha actividade deportiva e lúdica.