Vázquez e Villares trasladan ao sector mar-industria a preocupación polo recurso do Goberno central á Lei do Litoral da Xunta
Por Anxo Lourido
Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acompañada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantiñan un encontro con representantes de empresas da cadea mar-industria da provincia na delegación territorial da Xunta de Galicia coa intención de tratar o recurso que o Goberno central anunciou que presenta ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Ordenación e Xestión integrada do Litoral de Galicia, que aprobou a administración autonómica.
A conselleira reprochou ao Goberno central que desde o ano 2018 tan só autorizara prórrogas de concesións debidas e das que, por conseguinte, estaba obrigado a informar favorablemente. Licitáronse 18 ou 22 concesións de costas en Galicia desde ese ano pero Ángeles Vázquez manifestou que "todas as que se deron son prórrogas debidas". de instalacións situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre e, por iso, apuntou "non quedaba outra máis que dar esas prórrogas".
Advertiu da paralización que supón a decisión do Goberno central para máis de trinta solicitudes presentadas desde que a Xunta de Galicia aprobou a Lei que inclúen peticións de Concellos para poñer servizos en marcha; de ampliación de industrias ou para facer reposicións. Por este motivo, no encontro ambos os conselleiros informaron os representantes do sector da situación actual definíndoa como "de inseguridade total e absoluta, un mar de incertidumes e un océano negro".
Sinalou que o executivo galego carece aínda do texto do recurso e do ditame do Consello de Estado en que se basea e reclamou ao goberno de Pedro Sánchez a mesma "lealdade institucional e transparencia" que mantén a Xunta para, a continuación, lembrar que "o que non queremos en Galicia é que se nos engane".
"Hai un obxectivo ideolóxico, que consiste en desmantelar a costa. Entenden que hai que separar o mar da parte terrestre. Nós temos outro concepto, o de integrar e non o de separar", apuntou a conselleira sinalando que a Xunta segue a mesma liña que a Unión Europea.
Vázquez advertiu que o Goberno central está a empuxar ao colectivo mar-industria a que se vaia a outras costas como a de Portugal. "Esmorece o que hai e non somos quen de facer novas implantancións e son moitísimos postos de traballo", explicou.
Pola súa parte, o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, apuntou que insistirá para que o Goberno do Estado rectifique a súa decisión "tomada a última hora e sen falar con nós". Reclama que a Lei do Litoral poida volver a estar vixente para defender a actividade produtiva do sector marítimo-pesqueiro.
Ao encontro asistiron representantes da Confederación de Empresarios de Galicia e tamén da súa Comisión Mar-Industria, entre os que figuran membros de empresas integradas na Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade); da Unión de Asociacións do Sector Mar-Industria Alimentario, de Anfaco-Cecopesca; de Jealsa; Congalsa; Gadisa; Pescamar; da Federación da Construción; ademais de representantes de entidades financeiras; da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo e o presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Galicia.
Relacionadas:
-
O PP reivindica en Cambados a Lei do Litoral e esixe ao goberno central "o inmediato traspaso de medios" para xestionar a costa
Por Redacción |
-
A Xunta indica a representantes municipais que o recurso do Estado contra a Lei do Litoral afecta a un 15% do contido
Por Redacción |
-
A Xunta destaca o labor das confrarías para modernizar o traballo marítimo-pesqueiro
Por Redacción |
-
Inician os trámites para declarar a Festa da Ameixa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |
-
A Xunta anima ao Concello de Cambados a seguir adiante co plan especial da zona portuaria
Por Redacción |
-
A Ostreira, a planta acuícola do Grove coa supervivencia obstaculizada por Costas
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta inicia en Pontevedra unha rolda de contactos para avanzar na elaboración da futura lei de ordenación do litoral
Por Oskar Viéitez |