Novo acto de solidariedade co pobo palestino na praza da Peregrina
Por Anxo Lourido
Un grupo de persoas concentrábase ao mediodía deste domingo 22 na praza da Peregrina para mostrar o seu apoio e solidariedade co pobo palestino ante a intervención militar do Estado de Israel.
O acto, convocado pola asociación Galiza por Palestina, denunciou o que entenden como un xenocidio e limpeza étnica do pobo palestino e reclaman o final da ocupación.
Precisamente, este domingo o portavoz do Ministerio de Sanidade de Gaza declaraba que os ataques israelís causaron a morte de 4.711 persoas, das que o 40% eran menores de idade, segundo indica a axencia Reuters. A cifra de persoas feridos ascende a 15.898.
Nesta xornada un convoi de 17 camións con axuda humanitaria atravesaba o paso de Rafah para atender á poboación situada en Gaza nun conflito que continúa a intensificarse.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acudía a esta concentración do mesmo xeito que a senadora Carme da Silva ou o ex alcalde de Poio, Luciano Sobral, entre dirixentes sindicais e persoas do ámbito social e cultural. Ao final da concentración líase un comunicado.
Pontevedra é un dos dezasete municipios galegos que desenvolveron esta concentración xunto a Allariz, A Coruña, Betanzos, Burela, Cangas, Carballo, Cee, Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte, Ourense, Pontedeume, Ribeira, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Relacionadas:
-
A cultura galega únese no Pazo da Cultura "contra a barbarie" en Palestina
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
"Cultura contra a barbarie", a gala solidaria para axudar dende Pontevedra o pobo palestino
Por María José Pita |
-
Pontevedra participa das concentracións contra o "xenocidio" do pobo palestino
Por Redacción |