Un home condenado a dous anos por abusos sexuais eludirá a prisión se non delinque durante ese tempo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un home eludirá o ingreso en prisión a pesar de ser condenado a dous anos por abusos sexuais continuados a unha menor de 16 anos.
O home sentou este martes no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra, aínda que o xuízo non chegou a celebrarse porque chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía.
Froito deste acordo de conformidade, a Fiscalía reduciu á metade a petición de condena. Inicialmente, enfrontábase a catro anos e prisión e finalmente será condenado a dúas.
A sección cuarta da Audiencia ditará unha sentenza condenatoria na que xa se recollerá que a pena quedará suspendida a condición de que o acusado non delinca durante un período de dous anos.
Ademais da pena de prisión, a sentenza impoñeralle a prohibición de comunicarse coa vítima ou aproximarse a ela, ao seu domicilio, lugar de traballo, centro de estudos e calquera lugar no que esta se atope a menos de 150 metros durante seis anos. Na petición inicial, o tempo desta orde de afastamento era de 9 anos e reduciuse en tres.
Os feitos sucederon, segundo o escrito de cualificación, durante o ano 2018 no partido xudicial de Cambados, pero non se facilitarán os seus detalles por respecto á intimidade e integridade da vítima.