MAVI, a Maleta Viaxeira, segue a espallar o pensamento crítico en pro da igualdade e contra a violencia de xénero
Por Natalia Puga
MAVI, a Maleta Viaxeira que empezou a súa viaxe en 2021 na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, continúa a partir deste mércores o seu percorrido polos municipios de Marín, Soutomaior, Lalín, O Rosal e Vigo para expandir a sensibilización en prol da igualdade e contra a violencia de xénero por toda a provincia.
Esta maleta é unha iniciativa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación pontevedresa que tivo a súa primeira parada no centro penal da Lama e agora xa se copiou en en todas as subdelegacións de Galicia. Este mércores, o delegado do Goberno na comunidade, Pedro Blanco, quixo presidir un acto de "posta en valor" do proxecto.
A iniciativa, "moi acaída neste tempo", contribúe, segundo Pedro Blanco, ao "fomento da igualdade e da concienciación", pois consiste nunha maleta física cargada de libros con temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima e a violencia machista. Están pensados para todos os públicos, tanto infantil como adulto.
Esta maleta chegará a asociacións e instalacións municipais destes cinco novos concellos, como xa o fixo na Lama e noutros oito municipios durante o ano pasado, para promover a reflexión e favorecer un pensamento crítico fronte aos estereotipos e roles de xénero que perpetúan a violencia sobre as mulleres e a desigualdade.
Tanto Pedro Blanco como Manuela Vilaboy, responsable de Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, destacaron a importancia de que estes libros os lean mulleres, pero, sobre todo, "moitos homes" para que se impliquen nesta loita pola igualdade.
Pedro Blanco entregou as súas maletas ás alcaldesas de Marín e O Rosal, María Ramallo e Ánxela Fernández; á concelleira de Igualdade de Soutomaior, Rosana Martínez; á concelleira de Política Social de Lalín, Carmen Canda Laroy; e a directora do Centro de emerxencia para mulleres vítimas da violencia de xénero de Vigo (CEMVI), María Elena Molanes Piñeiro.
María Ramallo é consciente de que "queda moito camiño por percorrer" contra a violencia machista, pero está convencida de que "calquera acción nesta liña vai dar froitos". Neste caso, axuda a lograr dous retos: potenciar a lectura e que se lea sobre esta materia específica, axudando a transmitir á próximas xeración a "concienciación en valores".
Pedro Blanco insistiu na importancia de que as institucións públicas "asumamos as nosas responsabilidades na loita contra a violencia machista" e, en especial, da responsabilidade dos concellos, como administración máis próxima á cidadanía, "para que cheguen á maior parte dá poboación, fundamentalmente á da zona rural".
No acto, ao que asistiu tamén a subdelegada do Goberno en Pontevedra en funcións, María Isabel Alonso de Linaje Calzada, explicouse que agora estas maletas permanecerán tres meses en cada un destes cinco concellos e logo continuarán a súa viaxe por casas de acollida, asociacións de mulleres, bibliotecas, centros de información á muller e servizos sociais de toda a provincia.
Relacionadas:
-
Barro recibe a Maleta Viaxeira da Subdelegación do Goberno
Por Redacción |
-
Marín presenta os actos do 25N e concederá o Premio Lazo Violeta a Lourdes Broullón
Por Redacción |
-
Regueifas pola igualdade e contra a violencia de xénero no Grove
Por Redacción |
-
Catro novas maletas viaxeiras plantarán cara á violencia sobre as mulleres por toda a provincia
Por Natalia Puga |
-
Os reclusos do Centro Penitenciario de A Lama serán os primeiros en recibir a "Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero"
Por Oskar Viéitez |