O hospital Montecelo acollerá este sábado a XII Xornada Provincial de Ostomías
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O vindeiro sábado día 28 de outubro no salón de actos do hospital Montecelo celebrarase a XII Xornada Provincial de Ostomías, que está organizada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASSEII).
Esta iniciativa pretende ser un punto de encontro de doentes e profesionais no que facilitarlles ferramentas para mellorar o seu coidado persoal e fortalecer a súa autoestima.
A metodoloxía da xornada será presencial e se promoverá unha participación activa, práctica e dinámica, a través de distintos medios didácticos para a adecuada asimilación dos contidos.
Haberá varias mesas de debate que estarán moderadas por estomaterapeutas da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e nelas se abordarán temas coma o tratamento das traqueotomías como unha ostomía máis.
No transcurso desta xornada ASSEII donará cadros para decorar as consultas de ostomías co obxectivo de humanizar os espazos sanitarios. Estas pezas foron realizadas pola artista pontevedresa Iziar Ezquieta Llamas, quen empregou diferentes bolsas de ostomías cun toque informal para dar alegría aos lugares onde se coloquen e aportar cor á realidade das persoas ostomizadas.
Existen uns 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e contabilízanse uns 5.000 a nivel autonómico. Entre as principais causas destacan a neoplasia de recto ou de colon, a enfermidade de Crohn e/ou enfermidades inflamatorias intestinais, os accidentes de tráfico ou as neoplasias de vexiga, entre outras.