Raxó, campo de probas para a futura ordenanza de terrazas de Poio
Por Redacción
Por Raxó comezaron os contactos que o alcalde de Poio, Ángel Moldes, quere manter cos hostaleiros do municipio para avanzar na redacción dunha nova ordenanza municipal de terrazas "que recolla a realidade de Poio" e atenda as necesidades de todo o mundo.
"É o primeiro paso para dar resposta a unha demanda histórica no noso concello", sostivo Moldes tras reunirse na casa do concello con representantes dos negocios de Raxó.
O alcalde quixo empezar por esta parroquia porque, segundo avanzou, o obxectivo é que cando rematen as obras de humanización e volvan a colocar as súas terrazas o fagan cumprindo xa uns "criterios mínimos" para evitar que no futuro teñan que volver a modificalas.
Durante a xuntanza, o rexedor comprometeuse a ter en conta a "idiosincrasia" da hostalería de Poio, porque considera que con este documento "non se trata só de ofrecer unha estética homoxénea", senón de resolver tamén os problemas do sector e convivencia cos veciños.
De aí que Ángel Moldes asegure estar "especialmente interesado" en escoitar as aportacións que trasladen os propios locais, polo que as reunións cos hostaleiros continuarán nos próximos días.
A nova ordenanza, segundo garantiu o alcalde, "non vai ser ningunha copia doutro concello", senón que será un documento "moi meditado e analizado, feito en Poio e para a hostalería de Poio", e polo que o sector leva agardando, sentenciou, máis de quince anos.