Poio prevé que as terrazas abran ata as 01:30 horas entre maio e setembro
Por Alejandro Espiño
O proceso para renovar a ordenanza que regula a instalación de terrazas nos establecementos hostaleiros de Poio, substituíndo a que está en vigor desde 1992, avanza segundo o previsto. A cidadanía xa pode consultar o borrador a través da sede eletrónica municipal.
Entre os puntos máis destacados, a proposta para ordenar a ocupación de vía pública con mesas, cadeiras e veladores recolle que se autorizarán as terrazas ata as 01:30 horas entre os meses de maio e setembro, a tempada alta do municipio en materia turística.
O resto do ano as terrazas deberán recollidas ás 23:30 horas, excepto nas noites dos venres, sábados e vésperas de festivos, que terán unha hora máis de marxe, ata as 00:30 horas.
Estes horarios podrán ser prorrogados durante as festas patronais, no Nadal ou cando concorran circunstancias excepcionais, mediante un decreto do alcalde.
As terrazas deberán instalarse, en todo caso, diante da fachada do establecemento e deixar un paso peonil pola beirarrúa dun mínimo de 1,50 metros. Cada velador terá unha mesa e catro cadeiras, aínda que se poderán autorizar unha mesa con dúas cadeiras ou mesas altas.
As instalacións non poderán obstaculizar o acceso á calzada desde os portais dos edificios, nin tampouco as paradas do transporte público, entre outras limitacións.
Ademais, non poderán ter instalado ningún tipo de equipo de imaxe ou son, aínda que se permitirán as actuacións musicais "non amplificadas" ata as 23:30 horas, nin tampouco máquinas expendedoras, billas e barras ou elementos ornamentais de calquera tipo.
No caso de querer cubrir a terraza de xeito estable, sólo se permitirá un peche por local, que terá unha altura de entre 2,5 metros e 3 metros, tendo que contar ademais cun cartel indicativo da súa capacidade máxima. Iso si, un bar poderá ter unha terraza pechada e outra aberta se hai sitio.
Este tipo de terrazas pechadas poderán ter climatización e calefacción.
O PP CRITICA QUE SE COPIE A ORDENANZA DE NARÓN
Con respecto a este borrador da futura ordenanza, desde o Partido Popular lamentan que o documento sexa una "copia literal" do regulamento existente en Narón, "polo que dificilmente vai ter en conta a idiosincrasia da hostelería de Poio e resolver os seus problemas".
A edil Rocío Cochón censura que, tras quince anos esperando por esta ordenanza, "a última hora chegan cunha simple fotocopia dunha ordenanza doutro concello”, algo que considera que é unha "falta de respecto" aos hostaleiros e aos veciños de Poio.
"Non vale xustificarse con que este é un documento de inicio, porque realmente o que reflicte é que non fixeron absolutamente nada, o único foi cambiar dous horarios e dúas distancias e copiar literalmente a ordenanza do Concello de Narón", subliña a concelleira do PP.
Relacionadas:
-
O alcalde garante aos hostaleiros que a ordenanza de terrazas adaptarase ás necesidades reais de Poio
Por Redacción |
-
Raxó, campo de probas para a futura ordenanza de terrazas de Poio
Por Redacción |
-
Poio agarda aprobar antes de fin de ano a nova ordenanza reguladora da ocupación da vía pública
Por Redacción |