Un fallo informático atrasa dúas horas o inicio das vacinacións no edificio administrativo de Campolongo
Por Mónica Patxot & María José Pita
Confinados no salón de actos, de volta a casa ou facendo cola baixo a choiva. Estas son algunhas das situacións que se viviron este xoves 26 de outubro a partir das 8:30 da mañá, a hora á que estaban fixadas as primeiras citas para as vacinacións de gripe e Covid no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo.
Estas incidencias rexistrábanse o mesmo día en que se reabría o centro de vacinación situado na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra e que xa estivo habilitada para as inoculacións masivas durante a pandemia.
Para esta primeira xornada de reapertura do "vacinódromo", como se lle coñece popularmente, están citadas en Pontevedra un total de 2.415 persoas da franxa de idade de 70 a 79 anos.
Un fallo no sistema informático provocou que as primeiras vacinacións se realizasen con dúas horas de atraso, a partir das 10:30 da mañá. Segundo explican dende o Sergas, o erro debeuse a un "desaxuste informático" polo que o sistema impedía rexistrar os datos das persoas que se ían a vacinar. Houbo que recorrer a un equipo compatible traído do Hospital Montecelo para resolver a situación.
Previamente, o persoal sanitario foi derivando ás decenas de persoas que acudiron puntualmente á súa cita ao salón de actos do edificio da Xunta para que, polo menos, puidesen estar sentadas. No exterior a choiva aumentaba. Dúas horas máis tarde, estas persoas puideron por quendas recibir a súa vacina, visiblemente cansas.
Entre estas, Juan M., pontevedrés de 70 anos, con cita ás 9:45, e que unha hora e cuarto despois da súa quenda recibía as súas doses, "de gripe e Covid, unha en cada brazo". O mesmo atraso co que María del Carmen R., de Lores-Meaño, era vacinada "por precaución, non son propensa ás gripes pero por se acaso".
Paralelamente, no exterior do edificio varias persoas queixábanse de que non se lles ofreceu a posibilidade de agardar no salón de actos. A instrución que recibiron por parte do persoal sanitario destinado na zona de acceso foi que regresasen máis tarde, sen asegurarlles en que momento se resolvería a incidencia, ou ben chamasen a un teléfono do Sergas que lles facilitaron para fixar unha nova cita para días posteriores.
Foi o caso de Josefa E., veciña de Cuntis, que tras esperar media hora, debía regresar á súa localidade. Telefonou a este número e para a súa sorpresa informáronlle de que o sistema xa tiña pechadas todas as citas posibles. A solución que lle ofreceron foi esperar a que, tras finalizar a vacinación de todas as franxas de idade, días despois fose chamada para a "repesca".
Dende moito máis lonxe, Forcarei, acudía Carmen E. a vacinarse. Para ela, volver máis tarde non era unha opción. Por iso atopábase a primeira na fila daqueles aos que non se lles ofreceu a oportunidade de esperar nas butacas do salón de actos. A súa cita era para as 9:30 e ás 11:10, coas vacinacións xa en marcha, seguía agardando de pé. Comentaba a PontevedraViva que por fortuna tiña coche propio, porque se non lle sería imposible poder combinar autobuses para organizar o desprazamento.
As persoas citadas na mañá deste xoves compartían idade, 70 anos. Agás unha parella que roldaba a trintena. A explicación é que no seu caso son persoal sanitario e a instrución que recibiron é que, se a súa cita era incompatible co seu horario de traballo, se achegasen en calquera momento polo centro de vacinación a recibir as súas doses.
VACINACIÓNS EN VILAGARCÍA
As vacinacións no edificio administrativo de Campolongo abarcaban ás persoas censadas nos 20 concellos que forman parte do distrito sanitario de Pontevedra, un dos dous que integran a área sanitaria de Pontevedra e Salnés.
Este mesmo xoves 26, ás 9:00 da mañá, empezábase a vacinar por grupos de idade no Hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa) aos usuarios dos seis municipios que integran o distrito sanitario do Salnés. Neste caso, non se rexistraron incidencias e a vacinación arrincaba puntualmente para as 638 persoas citadas.
Susana Romero Yuste, directora asistencial da área sanitaria de Pontevedra e Salnés, explicaba na súa visita ao centro de vacinación de Pontevedra que, previa á posta en marcha desta campaña, xa hai pacientes que recibiron as súas doses, como "os maiores de oitenta anos, institucionalizados e pacientes vulnerables". Engadía que "mesmo do rango de idade que toca esta semana, de 70 a 79 anos, se hai alguén que por circunstancias personais non poida vir, vai poder recibir a súa vacina non seu centro de saúde, é dicir, as facilidades son máximas".
Relacionadas:
-
Repunta de gripe A: "fixemos unha previsión de test de antíxenos para dúas semanas e duráronnos cinco días"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Reabren os 'vacinódromos' de Pontevedra e Vilagarcía para combater a gripe e a covid-19
Por Redacción |
-
Este luns comeza a dobre vacinación covid-gripe e a inmunización dos bebés contra a bronquiolitis
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada