María Biempica reclama os 29.000 euros que deixou de cobrar tras quedar o PP sen dous dos seus soldos
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
María Biempica, unha das concelleiras que se quedou sen salario municipal trala ruptura do acordo entre o PP e o goberno municipal, decidiu dar un paso adiante para reclamar todo o diñeiro que deixou de percibir no seu día. Fíxoo a través dun escrito que presentou no rexistro do concello no que solicita a execución da sentenza do TSXG que anula o acordo plenario polo que o grupo popular perdeu dous dos seus tres soldos.
A noticia, desvelada por Serafín Alonso en Diario de Pontevedra, foi confirmada este xoves tanto polo Partido Popular como polo goberno municipal. No seu escrito, María Biempica reclama o reintegro de todas as nóminas, un total de 16, que deixou de cobrar trala ruptura do acordo. En total, 29.243,52 euros brutos correspondentes ás mensualidades entre agosto de 2012 e novembro de 2013.
A esa cantidade habería que descontar os complementos que a concelleira do PP recibiu durante todo ese periodo pola súa asistencia a plenos, comisións e o resto da súa actividade política municipal, que lle era remunerada por non ter dedicación exclusiva.
A decisión de Biempica vén avalada polo seu partido. Segundo asegurou este xoves Ricardo Aguilar, os edís populares mantiveron recentemente unha reunión "en la que decidimos que cada uno hiciera lo que considerara más oportuno a título individual". Asegura respectar a decisión da súa compañeira, aínda que no seu caso, malia estar afectado tamén por esta sentenza, "aún no tengo decidido lo que voy a hacer".
En todo caso, Ricardo Aguilar asegura que, como o goberno municipal ten de prazo ata marzo para cumprir a sentenza, "yo seguramente esperaré a que se resuelva". María José Rodríguez Teso confirmou a PontevedraViva que tamén esperará á execución da sentenza por parte do Concello. Descoñécese aínda o paso que darán os outros edís que poderían reclamar estas retribucións con carácter retroactivo, Pablo Fernández e Begoña Laya, esta última fóra do grupo municipal trala súa dimisión.
LORES REMÍTESE Á ASESORIA JURIDICA
Desde o goberno municipal, reacios en principio a admitir que a sentenza poida ter carácter retroactivo, Miguel Anxo Fernández Lores non quixo entrar a valorar a decisión adoptada por María Biempica. "Vamos a aceptar o que diga a asesoría xurídica sobre este asunto", dixo, un departamento que está preparando un informe sobre como debe executarse este fallo xudicial, ao non explicarse correctamente na resolución.
Fernández Lores reiterou, iso si, que o Concello segue sendo "partidario" de chegar a un novo acordo co Partido Popular para o reparto das dedicacións exclusivas "como sempre o estivemos", xa que recordou que "os que romperon o consenso que había entre todas as forzas foron eles". Entende o alcalde que unha organización deste tipo na actividade municipal debe regularse a través dos seus correspondentes acordos.
Relacionadas:
-
María Biempica volve marcar distancias cos seus compañeiros de partido
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Lores di que a sentenza sobre as dedicacións exclusivas do PP "executarase estrictamente"
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira, María José Rodríguez, Ricardo Aguilar e César Abal repartiranse os soldos do PP
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O TSXG devolve ao PP de Pontevedra as súas dedicacións exclusivas
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada