Prorrogan dous meses máis as obras da casa consistorial, que poderán durar ata febreiro de 2024
Por Natalia Puga
As obras de rehabilitación integral da antiga casa do concello da Praza de España seguirán previsiblemente ata febreiro de 2024. Poderán terminar antes, pero o Concello de Pontevedra acaba de aprobar unha prórroga de dous meses para o prazo de execución dos traballos.
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a ampliación do prazo de execución das obras, que inicialmente estaba previsto ata decembro de 2023.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o motivo desta ampliación do prazo son "cuestións de provedores e mobiliario". Tamén aclarou que é posible que os traballos acaben antes, pero ata febreiro a empresa estará en tempo para entregar a actuación.
A casa do concello, deseñada por Alejandro Rodríguez Sesmero e inaugurada en 1880, está a ser obxecto dunha completa rehabilitación integral. O exterior xa está finalizado, pero no interior aínda continúan os traballos.
No exterior, a reforma integral notouse especialmente no lateral cara á avenida de Santa María, onde no pasado había uns baños públicos e agora converteuse nun espazo de lecer con bancos e mobiliario urbano.