O comedor escolar da Lama adhírese á campaña "Come local"
Por Redacción
O alcalde da Lama, David Carrera, xestionou ante a Axencia Galega de Calidade Alimentaria de Xunta de Galicia a inclusión do centro educativo na campaña "Come Local" que permitirá achegar unha dieta san a base de produtos galegos con certificado de calidade e de proximidade ao alumnado que usa as instalacións do comedor escolar.
O alcalde mantivo unha xuntanza coa responsables do proxecto, o director do CEIP da Lama, Rafael Sánchez-Agustino, e persoal do comedor escolar para coordinar a posta en marcha desta iniciativa que pretende promocionar os produtos galegos de proximidade e con indicativo de calidade.
Ademais dotarase ao comedor dunha ferramenta que facilite o cálculo do custe que lles permita planificar mellor a súa conta de gastos. Para elo, entregaráselles unha tablet cunha app para tal fin e con toda a información da campaña.
LIMPEZA E CONSERVACIÓN DE CEMITERIOS
Por outra banda, o alcalde David Carrera supervisou os resultados do amplio operativo de limpeza e conservacion de cemiterios levado a cabo polos operarios municipais do Concello da Lama co fin de que poidan estar en perfectas condicións para a celebración do Día de Defuntos.
Estes traballos contemplaban asimismo o reforzo da presenza de contedores e papeleiras e revisaron as conducións de auga e servizos públicos nos cemiterios do municipio co fin de favorecer as tarefas de limpeza que nestas datas acometen os residentes en cada unha das parroquias.
As brigadas municipais acondicionaron tamén as zonas axardinadas e dotáronse de máis contedores nas inmediacións dos camposantos incrementándose tamén neses lugares a frecuencia de recollida do lixo co fin de que estean en perfecto estado.
Tamén se revisaron e reprogramaron as luminarias para que permanezan acesas durante máis horas nestes días. Tamén os operarios municipais levaron a cabo labores de reparación de billas de auga, papeleiras defectuosas e se procedeu á limpeza e baldeo con auga a presión.