Samaín baixo carpa en Bueu
Por Redacción
Debido ao éxito da pasada edición, este ano as asociacións de nais e pais do CEIP A Pedra e do CPR Virxe Milagrosa, a Asociación Juan XXIII, o Club de Atletismo Galaicas e Superhéroes do Morrazo, coa colaboración do Concello de Bueu e a Xunta de Galicia, volverán organizar o 31 de outubro unha xornada dedicada á celebración do Samaín, que terá lugar no aparcadoiro de As Lagoas con xogos e actividades diversas para a cativada e as persoas adultas.
Este venres presentouse o evento en rolda de prensa na contorna de As Lagoas.
O programa abrirase coa mostra da alfombra elaborada pola Asociación Cultural Cunchas e Flores para a ocasión, e a continuación, ás 17.30 horas, haberá dúas actividades: unha ximcana do terror a cargo da Asociación Juan XXIII e do Club de Atletismo Galaicas; e tamén unha sesión de contacontos terroríficos a cargo de Marc Taeger e Olaia González.
Ás 18 horas representarase a obra de teatro “O tesouro de Carmiña”, pertencente á escola Rosi Figueroa; ás 18.30 horas, Sole Sampedro impartirá unha clase de Zumba Zombie; ás 19 horas, Míriam Ferradáns deleitará ás persoas asistentes cuns contos de medo; e para rematar, a cociñeira Cristina Millán ofrecerá un taller culinario titulado “Cociña sen medo”.
SAMAÍN EN BELUSO
O Samaín tamén se celebrará na parroquia de Beluso. A Asociación Amodiño organiza este domingo, 29 de outubro, unha festa celebrará de 17.00 a 20.00 horas na Casa do Pobo e na que haberá desfile de disfraces terroríficos, xogos en familia e sorteos. As inscricións deberán facerse no teléfono 644150884.
Relacionadas:
-
Vilagarcía non renuncia á súa Noite das Meigas
Por Redacción |
-
Animación, xogos, música e xincana do terror no Samaín de Campelo
Por Redacción |
-
Esta é a divertida programación do terrorífico Samaín Briz
Por Redacción |
-
Un Samaín de medo para nenos e adultos cunha renovada "Noite dos Calacús"
Por Alejandro Espiño |