Esta é a divertida programación do terrorífico Samaín Briz
Por Redacción
O Samaín Briz volverá este 31 de outubro a partir das 18.00 horas no Parque dos Sentidos cunha edición que promete superar aínda máis o enorme éxito colleitado nos últimos anos.
A concelleira de Festas do Concello de Marín, Marián Sanmartín, acompañada de representantes das asociacións que fan posible o desenvolvemento da festa (Fundación Juan XXIII, Os da Caña e o Club Deportivo La Peña), presentou este xoves todos os detalles desta edición, que, coma sempre, será totalmente gratuita e de entrada libre.
A partir das 18.00 horas, abrirase a finca á cidadanía e xa estarán listas as "estacións do medo", unha novidade deste ano que espallará sustos e experiencias terroríficas. Serán "A cova do asustador", "O túnel do medo" (da Comparsa Cor Café), "As ouvellas asasinas" (da Comparsa Cor Café), "O velorio das bonecas" (da Comparsa Cor Café), "O hospital psiquiátrico" (da Comparsa Val do Lérez) e "O show de lume e morte".
Tal e como explicou Sanmartín, "estas estacións estarán funcionando como atractivos no entorno da finca ata as 22.00 horas, polo que poden ser visitados en calquera momento e sen facer cola".
A partir das 18.30 horas arrancarán as tradicionais rutas, que serán "Alicia no país dos horrores", de Os da Caña, e "O lar dos inocentes", do CD La Peña. Para acceder a ambas será preciso facer cola e suporán un auténtico chute de adrenalina do medo ao que poderá accederse ata as 22.00 horas.
No que respecta á zona de espectáculos, situada no Auditorio da parte inferior da finca, haberá unha programación continuada para que a diversión non pare en toda a tarde-noite. Haberá tres espectáculos: "O espanto victoriano", con tres pases, ás 19.30, 21.00 e 22.00 horas; "Noite de bruxas", con dous pases, ás 20.00 e ás 22.30 horas, e o Baile das Zumbis, que será ás 21.30 horas.
"Temos unha gran programación para poder desfrutar da festa de diferentes formas", explicou Sanmartín, que incidiu en pedir "paciencia" cando se fagan colas nas rutas. "Temos moitos atractivos no resto do programa, que se poden visitar en momentos de máis cola e achegarse despois ás rutas. A idea é poder diversificar ás persoas que veñan en distintos puntos e desfrutar todos sen problema", dixo.
Outra das novidades desta edición é o Pequesamaín, unha zona específica que se habilitará no entorno do parque infantil da zona máis alta da finca, pensada para os nenos menores de 10 anos e que estará aberto desde as 18.30 ata as 21.30 horas.
Para acceder directamente ao Pequesamaín, habilitarase a entrada para este espazo pola Rúa da Costa e o Camiño da Cortiña, utilizando entón o acceso que dá directamente ao parque infantil. Haberá pintacaras, debuxos, Escola de Ballet do Terror, globos de helio, pompas de xabón xigantes... Todo pensado para que os máis peques tamén o pasen terroríficamente ben.
Por outro lado, haberá durante todo o evento postos de lambetadas na entrada da finca e na zona da lagoa.
Desde o Concello, fan algunhas recomendacións importantes a ter en conta para o mellor desenvolvemento do evento. Por exemplo, a través da web concellodemarin.es/samainbriz pódese descargar un mapa informativo da finca onde se indica toda a información útil: entradas e saídas, accesos, ubicacións das estacións, traxecto das rutas, localización dos postos de lambetadas... O mapa tamén estará en formato grande no entorno da finca e dentro do recinto para poder consultalo en calquera momento.
Para aparcar, pódense utilizar algúns dos aparcadoiros cercanos, como os de Chan do Monte e o San Narciso (aos que acceder a través da subida do Lavadoiro de Mogor) ou incluso o que está no inicio do Vial de Praias. Tamén están dispoñibles todos os aparcadoiros públicos do centro urbano.
Pola propia orografía da finca e por celebrarse o evento de noite, recoméndase a persoas con carriños de bebés que eviten acceder ás rutas para evitar posibles accidentes, tropezos...
Relacionadas:
-
Sustos e diversión nun multitudinario e terrorífico Samaín Briz
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Vilagarcía non renuncia á súa Noite das Meigas
Por Redacción |
-
Samaín baixo carpa en Bueu
Por Redacción |
-
O Samaín Briz quere seguir medrando e abre a organización a particulares e asociacións
Por Redacción |
-
O Samaín Briz segue a bater récords de participación
Por Redacción |