Dous aparatosos accidentes en Caldas deixan importantes danos materiales
Por Redacción
Dous aparatosos accidentes de tráfico deixaron este mércores 1 de novembro importantes danos materiais en Caldas de Reis. Nos dous os vehículos quedaron moi afectados, pero os seus condutores non tiveron que ser trasladados ao hospital.
O primeiro rexistrouse a primeira hora da mañá, sobre as 8.00 horas, en Saiar. Un condutor que regresaba dunha festa de Samaín saíuse da vía, chocou contra un gardarraíl e acabou envorcado.
Segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis, o coche envorcou e, cando xa estaba coas rodas cara arriba, desprazouse varios metros, uns 15, ata deterse.
O condutor resultou, nun principio, ileso. Ata o lugar do accidente desprazáronse a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local de Caldas, unha ambulancia do 061 e Protección Civil de Cuntis.
O segundo accidente produciuse ao mediodía, sobre as 13.00 horas, e tamén se viu implicado un só vehículo. Neste caso, rexistrouse na estrada N-550 ao seu paso polo centro urbano de Caldas.
Segundo a información facilitada por Protección Civil de Cuntis, un vehículo saíuse da vía e chocou primeiro cun poste da luz e logo co peche dunha casa. Como consecuencia do impacto, tirou o portalón de peche da casa.
No vehículo circulaban dúas persoas e ningunha tivo que recibir atención médica, aínda que o condutor se presentaba algunha ferida de pouca consideración.