O PP convida a poñerse un anteface e descubrir os "obstáculos" de Eduardo Pondal, Uxío Novoneyra e Virxe do Camiño
Por Natalia Puga
A concelleira do PP Silvia Junco anima a usar un anteface, tapar os ollos e percorrer o triángulo entre as rúas Uxío Novoneyra, Virxe do Camiño e Eduardo Pondal. Aí atoparán "unha serie de obstáculos" que dificultan os desprazamentos das persoas con discapacidade visual e aos que aspira a atopar solución a través dunha moción.
O PP presentou este xoves por rexistro a moción, que busca "mellorar os desprazamentos das persoas con discapacidade visual". Debaterase no próximo Pleno da Corporación, ás portas da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, 3 de decembro.
Tras un pequeno repaso por todos os obstáculos destas rúas acompañada pola tamén concelleira do PP Pepa Pardo, expuxo que na súa moción piden que as próximas obras que se realicen en Pontevedra inclúen uns itinerarios pensados para as persoas con discapacidade visual e que se implementen semáforos sonoros pensados para persoas con discapacidade visual. O únicio que existía na cidade estaba en Eduardo Pondal e non non funciona.
A moción inclúe tamén a "posta en marcha inmediata" do Consello Sectorial de Accesibilidade, pois se aprobou en febreiro de 2022 e segue sen funcionar. Nesa reunión estarán representados todos os colectivos de discapacidade e o seu funcionamento sería "interesante e importante".
"Pontevedra para as persoas con discapacidade visual é pouco accesible", concluíu Junco, que se reuniu varias veces con representantes da ONCE e faise eco das súas demandas.
No caso desta zona da cidade á que se desprazou, trasladáronlle que "para eles é case imposible acceder por aquí". Así, por exemplo, como puntos negros, fala de que no semáforo de Eduardo Pondal con Uxío Novoneyra hai unhas texturas que lles complican localizar o camiño máis seguro e, nada máis cruzar, hai un farol á beira da papeleira coa que resulta fácil chocar.
A praza en si do inicio de Virxe do Camiño "está chea de obstáculos", con árbores e bancos que dificultan a circulación e, ademais, "non están aliñados".
Para baixar desa praza á rúa, hai varios banzos sen sinalización que indiquen aí hai unhas escaleiras e, cando van co seu bastón, nas barreiras situadas para protexer o desnivel "o ruído que teñen, asústaos".
En Eduardo Pondal, no tramo próximo á ferraxería Echegaray, hai unha serie de alcorques e árbores no centro da beirarrúa que están colocados facendo zigzag e "pérdense".