Vía libre para a urbanización da estrada de Campelo
Por Redacción
A urbanización da estrada de Campelo ten vía libre logo de que o Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra acadaran un acordo este xoves para afrontar os 1,7 millóns de euros que custará a actuación. A obra afectará a un treito de 1,7 quilómetros de vía.
Unha vez pechado o financiamento, o principal escollo a salvar para poder iniciar os traballos na estrada canto antes é a "imprescindible" cesión dos terreos necesarios por parte dos veciños. Segundo informou a Deputación de Pontevedra, acordouse fixar como prazo todo o mes de febreiro para que o Concello logre esta cesión voluntaria e en marzo se poida iniciar a licitación das obras.
O proxecto contempla o ensanche da plataforma da estrada desde os 6-7 metros actuais ata os 12,6 metros. Dotaríase así de dúas beirarrúas, unha a cada marxe da estrada e unha franxa de aparcamento, ademais de todos os servizos necesarios como o saneamento e abastecemento de auga e as canalización de telefonía e electricidade, entre outros.
As negociacións conseguiron desbloquearse no trascurso dunha reunión celebrada na Deputación Provincial entre o presidente, Rafael Louzán; os representantes da Asociación de Veciños de Campelo, encabezados polo seu presidente, José Currás; o alcalde de Poio, Luciano Sobral; e os voceiros do PP, do PSOE e do BNG no municipio.
A xuntanza celebrouse a petición dos veciños e tivo como resultado que a obra se financiará seguindo o mesmo modelo que ambas as administracións xa utilizaron no seu día para a humanización da baixada a Lourido. A Deputación achegará o 70% do financiamento e o Concello o 30% restante, se ben no caso da entidade local a achega realizarase en dúas anualidades.
Co obxectivo de seguir avanzando, todos os participantes na xuntanza acordaron constituírse en Comisión para o seguimento de todo o proceso ata o inicio das obras e reuniranse novamente a finais de febreiro para coñecer si se dispón xa de todos os terreos necesarios e, no caso de que haxa algunha incidencia puntual, poder buscarlle solución.