Evacúan de madrugada un operario ao que caeu unha árbore enriba en Soutomaior
Por Diego Espiño
Un traballador resultou ferido na madrugada deste sábado 4 de novembro nun incidente ocorrido en Soutomaior relacionado co temporal que azoutou a toda Galicia durante a noite.
Trátase de feito, segundo o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, da incidencia de maior gravidade rexistrada en relación co temporal en toda a comunidade.
O operario, que traballaba no quilómetro 3 da EP-290, quedou inconsciente tras caerlle unha árbore enriba ao redor das 6.30 horas da madrugada.
No operativo de emerxencia participou persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladou o ferido ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, así como da Policía Nacional, a Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Soutomaior.
CORTES DE ESTRADA, DESBORDAMENTOS E OUTRAS INCIDENCIAS
No seu balance da noite, o 112 Galicia sinala outras incidencias na comarca, como un desbordamento que afectou á N-550 ao seu paso por Pontevedra no que tiveron que intervir os Bombeiros, ou o aviso dun particular ás 7.15 horas da mañá informando que non podía seguir avanzando pola PO-224, á altura do encoro de Verducido, porque a auga estaba a arrastrar o seu coche cara a un muro.
A caída de ramas ou vexetación obstaculizando o paso foi tamén motivo de intervención en vías como a PO-532 en Pontevedra ou a PO-551 en Marín.
En total, entre as 18.00 horas do venres e as 6.00 horas da madrugada deste sábado, o 112 contabilizou 109 incidencias en toda Galicia, das que 63 producíronse pasada a medianoite, sendo a provincia de Pontevedra a máis afectada con 57 avisos.
Relacionadas:
-
Soutomaior integrará a súa Protección Civil na agrupación Oitavén-Tea
Por Redacción |
-
Alerta en Soutomaior polo desaugue da presa de Eiras
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O paseo do Gafos, cortado pola crecida do río
Por Redacción |
-
A borrasca Domingos deixa un regueiro de pequenas incidencias na Boa Vila
Por Diego Espiño | Creada e actualizada