Luis López, presidente da Deputación: "Para tomar unha decisión, poño a chaqueta de alcalde"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Luis López Diéguez (Rodeiro, 1978), coñecido polo alcume familiar de "Lugués", é desde fai 127 días presidente da Deputación de Pontevedra. Este venres ven de sacar adiante o orzamento para o próximo exercicio, un dos instrumentos básicos nos que se materializará a súa acción de goberno.
No seu despacho do Pazo Provincial recibe a PontevedraViva.
Por que se meteu en política?
Na etapa de universidade, eu tiña un irmán que era concelleiro, era como cando cos futbolistas o que chega o máis alto sempre hay quen di: "non, o bo era o irmán". Pasaba co xogador do Pontevedra CF Canabal, dicíase "non, o bo era o irmán". E nisto tamén, o bo era o meu irmán.
No 95-99 meu irmán era concelleiro e eu tiña inquedanzas e quedaba con outro que era concelleiro en Santiago e eu era superpropositivo, supercañeiro e no ano 2003 díxome "oes, mira, Lugués, ti que eras o que tanto desde fóra propoñías, decías que era moi fácil facer… por que non che ves para dentro e participas nas listas?" e adoptei esa decisión de involucrarme.
Ademáis, eu aí xa estaba nunha situación na que podía adicarlle tempo. Porque se eu tomo unha decisión é para dedicarme en corpo e alma. Tiña 25 anos. Logo, con 27-28, déuse a circunstancia de que o alcalde que estaba, por unha baixa superpotente, desaparecera da Alcaldía e eu estaba xa levando o Concello daquela. Viña de Santiago a Rodeiro todos os días daquela.
E por que no Partido Popular?
Iso si que o tiña claro. Na Facultade de Dereito estaban os CAF e víñache Ana Pontón coma un 'martillo pilón'. A miña contorna de amigos era todo esquerda, aínda hoxe. Pero era un tema de principios, eu sentíame superidentificado co PP. E tamén a tradición familiar ten un peso.
Pasou dez anos de alcalde en Rodeiro e logo foi o delegado da Xunta en Pontevedra. Como foron esas experiencias?
Non son unha persoa moi de cambios, pero o feito de ter que afrontar proxectos novos nun curto espazo de tempo é enriquecedor. Son cousas diferentes e o final tes unha hipermotivación. Cando tes que empezar de cero, a min cústame dar o paso. Se cadra se xa estás instalado en modo cómodo acabas indo a situacións de desgana, que eu nunca as tiven, nin de alcalde, pero son consciente de que pode ocorrer.
Declárase "municipalista convencido" e agora é alcalde de alcaldes. En que o van notar nos concellos da provincia?
Cando me poño aquí neste despacho ou en calquer espazo para tomar unha decisión, poño a chaqueta de alcalde. Penso, se eu fora o alcalde, que faría? Que me gustaría que me reportara a Deputación? Iso é algo que non só se traduce en min, que o levo dentro, senón tamén no equipo todo que conformamos.
Somos 14 deputados, sete deles alcaldes, outros con experiencia municipal ou noutras administracións… esa é unha das múltiples vantaxes deste equipo de goberno.
Ao mesmo tempo, é vostede o presidente provincial do PP. Condiciónao esa responsabilidade á hora de gobernar a Deputación?
Non. Eu sei distinguir e creo que o demostro. De feito, cando foi o nomeamento de presidente da Deputación houbo felicitacións de moita xente doutros partidos. Iso é por algo. Eu estouno a demostrar, para min os alcaldes e alcaldesas son todos iguais, non distingo dunha cor ou doutra.
Este venres aprobárose os Orzamentos da Deputación para o vindeiro ano 2024. Cales serán os eixos da acción do goberno de Luis López?
É unha data importante a aprobación duns orzamentos que levan o selo propio deste goberno e que van entrar en vigor a 1 de xaneiro. O primeiro que se reflicte é o totalmente municipalistas que son estes orzamentos, onde un de cada tres euros, 66 millóns de euros concretamente, van parar directamente aos concellos. E iso de entrada, porque logo, segundo se vaia desenvolvendo o ano 24, coa incorporación de remanentes, sempre acaban indo a parar máis fondos aos concellos.
Logo Deporte, imos incrementar un 19%. A maiores o primeiro plan que deseñamos foi o de infraestruturas deportivas con 4 millóns de euros. Un pulo que lle imos dar á Cultura, cun incremento dun 20%. En Turismo temos unha suba real dun 1,1% e digo suba real porque había dous programas que chegaban ao seu fin que estaban con fondos europeos e iso dache un baixón na partida, pero fomos quen de inxectar diñeiro.
Hai unha nova área importante para nós que é a de Xuventude e Reto demográfico, dotada con 1,2 millóns de euros. En definitiva, eses son os ámbitos sobre os que vai pilotar o noso proxecto, aínda que imos tocar absolutamente todo.
No goberno anterior había unha serie de accións moi significativas como o feminismo, o plan de compostaxe, as políticas de mobilidade, a memoria histórica. Haberá continuidade nesas políticas?
Non desbotamos nada, é un tema que moitas veces é a interpretación que lle queiran dar na oposición que, lóxicamente, fai o seu traballo, pero non renunciamos a nada.
Si hai cuestións ás que lle damos un enfoque diferente. Consignar moito orzamento non é sinónimo nin de éxito nin de apoio decidido por iso. Por exemplo, no Plan Revitaliza durante estes oito anos consignáronse case 20 millóns de euros e a execución foi de 10 millóns. Houbo anos nos que se executou o 39% nada máis e a media de execución foi do 44%. Polo tanto, de nada vale dicir teño unha millonada para X se logo non executo.
Neste documento económico si é certo que podes quitar esas conclusións, pero iso non conleva que desbotes investimentos en medio ambiente, en igualdade…
Sobre a Igualdade insiste vostede que non quere facer dela unha materia de confrontación, cre que ocorría iso no anterior goberno de Carmela Silva?
Si, si. E non era só unha materia de confrontación, senon que era unha plataforma de promoción política da presidenta. A Igualdade é transversal, non se pode reducir ao ámbito da partida concreta que hai no orzamento e non pode servir como ferramenta de confrontación. Ten que haber unidade. E non pode ser o trampolín de promoción de ningún político. Aquí hai que ser serios.
Nestes últimos anos deixáronse encarriladas unha serie de xestións coa Xunta como as transferencias do Pazo de Lourizán, a Escola de Enfermería, a de Cantería. Haberá máis? (Príncipe Felipe, Finca de Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro).
Nós non somos revisionistas. Se algo estaba ben feito, imos seguir manténdoo. Loxicamente, hai cousas que son susceptibles de mellora e imos traballar niso; e logo tamén temos o noso propio proxecto.
En relación co das transferencias vimos de asinar un protocolo coa Consellería de Educación para os centros educativos que hai en Príncipe Felipe. Polo tanto, estamos traballando e avanzando niso, sempre pensando nos beneficios que poidan obter todos e cada un dos que están nese centro.
No tema dos coles, o que se refire a temas de soldo, titularidade dos edificios que pase a titularidade da Xunta que a fin de contas é quen está a facer a xestión, pois tamén parece do máis axeitado. Se hai instalacións ou servizos que é mellor que sexan competencia dunha administración que doutra, pois chegado o momento, falarémolo.
Falemos da capital. Como vai ser a relación da Deputación co Concello de Pontevedra?
A cidade de Pontevedra non se entende sen a Deputación, como institución e polo seu significado. E o que é a relación co Concello, o alcalde de Pontevedra foi un dos primeiros que me pediu unha reunión e xa tiven ese encontro desde a máis absoluta colaboración e lealdade institucional; e iso é o que ten que ser e o que se nos pide. E dicir, cores politcias a un lado e sentarnos a traballar por proxectos en común.
E dase a circunstancia de que dentro do equipo esta o vicepresidente Rafa Domínguez, que é un dos principais valedores que ten Pontevedra nesta casa e que é de facer un traballo en positivo. Isto vai garantir que saian proxectos importantes para a cidade da man de Concello e Deputación.
Para o vindeiro ano haberá eleccións autonómicas. Supoño que aínda que coñeza a data non a vai desvelar.
Se a soubera…
Como vai condicionar o seu traballo na Deputación coas responsabilidades que ten no PP provincial de cara a esta importante cita?
Por experiencia do que fixen como delegado territorial da Xunta, que combinei a Delegación coa Presidencia do partido, o ritmo e o traballo dunha adminstración, neste caso a Deputación, non se pode ver condicionado por un proceso electoral. Nós estamos aquí elixidos para traballar, para dar solucións e sacar proxectos; e que non se vexan nunca condicionados por nigún proceso electoral da índole que sexa.
Que acontece? Pois que en vez de durmir sete horas ao mellor tes que durmir catro.
Non vai interferir para nada cando sexa a convocatoria das eleccións autonómicas, que, sabe Deus, non teño nin idea cando serán.
Relacionadas:
-
E a Deputación regresou ás mans do PP, con Luis López como presidente
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación aproba definitivamente o seu Orzamento nun Pleno extraordinario
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes socialistas da provincia urxen á Deputación a que poña en marcha o plan Máis Provincia
Por Oskar Viéitez |
-
O PP chama á militancia a "traballar coma nunca" no 2024 para que Rueda acade a súa "primeira maioría absoluta"
Por Redacción |