Chamamento cidadán da Federación Castelao para evitar que o futuro aparcadoiro do Hospital Montecelo sexa de pago
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
"O aparcadoiro non pode ser privado nin por asomo, non podemos pagar esas cuotas, e hai que favorecer o transporte urbano si ou si", con estas palabras Juan Manuel Loureiro, presidente da Federación veciñal Castelao, mostraba o malestar dos colectivos que integran esta agrupación ante a publicación no DOG do proxecto para construír o aparcamento de pago para o novo Hospital Montecelo.
"Todos os que estamos aquí quedamos con sorpresa de que vai ao aire libre", apuntou o representante veciñal sinalando que ante esa situación "non entedemos por que ten unha empresa que levar un canon". Tamén mostran a súa sorpresa polas tarifas ante o anuncio de que a primeira media hora por estacionar nalgunhas das 892 prazas é gratuíto, pero a segunda media hora ascende a 90 céntimos, case alcanzando o euro que custará unha hora de aparcamento. "Parécenos desatinado, unha loucura", expuxo Loureiro.
Fixo comparativas co diñeiro que a Xunta de Galicia ten contemplado nos orzamentos do 2024 noutras partidas como as viaxes destinadas a persoas maiores ou para o Camiño Xacobeo, con once millóns de euros, a mesma cifra en que se avalía o investimento para crear o aparcamento hospitalario, "e non os temos para Montecelo e hai que adxudicalos a unha empresa", indican desde a Federación Castelao ante a privatización da xestión do párking.
"Se a empresa despois di que non lle dá, seguimos pagando con cargo aos orzamentos a esa empresa durante 25 anos?", pregúntase Loureiro ante a ampla adxudicación prevista para a empresa que se faga cargo dese proxecto.
Juan Manuel Loureiro: "buscaremos alternativas para que se nos escoite por parte da Xunta, o Sergas ou quen sexa"
Anuncian que convocarán a representantes da Plataforma SOS Sanidade e ao movemento veciñal da área sanitaria para organizar protestas e evitar o "escándalo".
"Queremos facer un chamamento a todos os pontevedreses e pontevedresas da área sanitaria e buscaremos alternativas para que se nos escoite por parte da Xunta, o Sergas ou quen sexa", engadiu Juan Manuel Loureiro que concluíu alertando de que a aposta por un aparcamento de pago é unha "decisión política" co obxectivo de favorecer á sanidade privada.
MELLORA DO TRANSPORTE PÚBLICO A MONTECELO
A Federación tamén demanda unha mellora no transporte público e pide lanzadeiras desde a estación de autobuses a Montecelo con incremento de viaxes durante a fin de semana.
"Son dous buses á mañá e outros dous á tarde, ao ser transporte radial, que circunvala Pontevedra, a frecuencia de viaxes é pouca", explican desde a Federación solicitando que se reforcen esas liñas con viaxes directas ata o centro hospitalario co obxectivo de que se evite o transporte en vehículo privado ata a zona.
Alertan, ademais, do temor que tamén existe entre o persoal sanitario que traballa no centro hospitalario a perder o servizo de transporte establecido actualmente polo Sergas para facilitar o traslado a Montecelo.
Relacionadas:
-
Publicada a aprobación do estudo de viabilidade do aparcadoiro de 892 prazas do novo Montecelo
Por Redacción |
-
O futuro aparcamento de Montecelo custará 1 euro á hora e será gratis os primeiros 30 minutos
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE critica a reunión de Lores con Rueda porque "non conseguiu absolutamente nada"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta construirá o aparcamento e a cafetería do Gran Montecelo e sacaraos a concesión
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello pedirá á Xunta que reformule o proxecto do aparcadoiro do Hospital Montecelo
Por Anxo Lourido |