A Deputación contempla investimentos en melloras no Palacete das Mendoza e no Castelo de Soutomaior
Por Oskar Viéitez
Compartir con todo o mundo que "Pontevedra é desfrutar" será a máxima da Deputación de Pontevedra no 2024.
O orzamento provincial destinará o vindeiro ano máis de 5,6 millóns de euros ao impulso do turismo na provincia, un incremento de preto do 2% respecto ao ano 2023 que supón unha suba real de máis dun millón de euros, xa que finalizan proxectos turísticos financiados con fondos europeos.
O goberno de Luis López destinará unha partida de 200.000 euros ao novo contrato para a xestión da atención ao público e visitas no Castelo de Soutomaior, 156.000 euros ás obras do Castelo de Sobroso e outros 40.000 á mellora no edificio do Palacete das Mendoza. Tamén se desenvolverá unha aplicación informática para xestionar as visitas aos castelos de Soutomaior e Sobroso, para a que se achegarán 29.000 euros no ano 2024.
Pola súa banda, investiranse 50.000 euros no alumeado de Nadal do Castelo de Soutomaior e incrementarase as partidas destinadas a actividades culturais neste recinto en 15.000 euros, pasando dos 50.000 euros de 2023 aos 85.000 euros de 2024.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Luis López, para poder divulgar e dar a coñecer os atractivos turísticos do destino Rías Baixas, a institución provincial realizará unha intensa actividade de promoción e difusión no ano 2024 á que destinará preto de 1,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 37% con respecto a este ano.
Os gastos de promoción do destino Rías Baixas, en xeral, cuadriplícanse, pasando dos 75.000 euros aos 300.000 euros no 2024, e destínanse 275.000 euros á campaña anual turística e ás actividades de workshops. Tamén se achegarán preto de 75.000 euros á realización do novo Plan Estratéxico de Turismo para a provincia.
O orzamento destinado a impulsar e apoiar actividades turísticas desenvolvidas por asociacións da provincia incrementarase en 2024 ata os 180.000 euros. Achegaranse 290.000 aos festivais Rías Baixas e tamén se incrementará nun 17% a partida destinada a apoiar entidades relacionadas co sector turístico da provincia como a Ruta do Viño Rías Baixas, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Española da Camelia ou o Consorcio de Empresarios Turísticos, que sumarán un investimento total de 56.000 euros.
Ademais, a Deputación de Pontevedra achegará 280.000 euros aos concellos, para sufragar os custos de persoal de atención das oficinas de turismo da provincia e tamén recibirán 78.000 euros as festas de interese turístico nacional e internacional.
Relacionadas:
-
Aprobados novos investimentos en Príncipe Felipe e a venda dunha parcela no polígono de Barro
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo promociónase na Feira de Turismo de Londres
Por Redacción |
-
Cambio de imaxe na Deputación e presentación do orzamento máis alto da institución: 189 millóns de euros
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |