Case 9 de cada 10 multas impostas en Pontevedra en 2013 foron por aparcar en zonas prohibidas
Por Alejandro Espiño
Case 1,3 millóns de euros, un 16% menos do recadado o ano anterior. ÿ a cantidade que ingresou o Concello de Pontevedra en 2013 en concepto de recadación de multas de tráfico. Son os datos que se recollen na memoria e o informe de xestión elaborados por Recygest, a empresa que tramita e xestiona o cobro destas sancións, e que foi entregada nos últimos días ao goberno municipal.
En concreto, os ingresos por multas, a 20 de decembro (último día que se contabiliza neste informe), ascenderon a 1.286.288,84 euros. Corresponden ás 12.951 multas cobradas no último ano. De todas elas, 10.355 (un 79,95% do total) abonáronse durante o periodo voluntario de pago, que deixaron 927.741,25 euros nas arcas municipais; mentres que para cobrar o resto, 2.616 sancións (358.547,59 euros), houbo que recorrer á vía executiva.
Sumadas as denuncias recibidas para a súa tramitación, pero aínda non cobradas, en 2013 as multas relacionadas co tráfico e a seguridade vial chegaron ata as 13.538, un 16,24% menos que o ano pasado. Trátase, segundo destaca o goberno municipal, da cifra máis baixa dos últimos seis anos. Catro de cada dez destas sancións (5.662) son para condutores empadronados en Pontevedra, mentres que o 58,18% (7.876) son de infractores foráneos.
Un dato curioso que nos desvela este informe é o nome das rúas onde se impoñen máis sancións. A praza de Barcelos (552) e Augusto García Sánchez (501) son, de lonxe, onde máis infractores se detectan. Séguenlles outras zonas como avenida de Bos Aires (360), Víctor Cervera Mercadillo (347), Loureiro Crespo (326), Poza dos Canos (321), Eduardo Pondal (320), Joaquín Costa (314), Benito Corbal (285) e Doce de novembro (258).
Destas 13.358 denuncias, un 87,32% (11.822) refírense a condutores que estacionaron os seus vehículos en zonas prohibidas. ÿ dicir, case nove de cada dez infractores. Outras das sancións impostas fan referencia a falar por teléfono móbil mentres se conduce (397), non usar o cinto de seguridade (319) ou superar a taxa de alcohol permitida (210). 926 destas infraccións levaron carrexadas a perda de puntos no permiso de conducir.
Un 86,05% destas sancións (11.649) foron para condutores de turismos particulares, mentres que vehículos mixtos (585), camións (473), furgonetas (434), todoterreos (203) e motocicletas e ciclomotores (128) tamén figuran na lista dos máis sancionados. De todas estas multas, só un 1,99% (270) foron tipificadas como moi graves. A gran maioría foron sancións graves (7.957), case seis de cada dez, mentres que un 39,23% (5.311) foron leves.