Enfado do alcalde de Cambados coa Xunta polo asilo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cambados, Samuel Lago, expresou o seu descontento pola resposta que deu este mércores no Parlamento de Galicia a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, sobre a residencia de maiores das Hermanitas dos Anciáns Desamparados en Cambados, que a congregación relixiosa puxo á venta.
"Non esperabamos outra resposta, pero algo de esperanza si que tiñamos", admitiu o alcalde.
Segundo Samuel Lago "agora xa temos a resposta definitiva de que a Xunta de Galicia non se vai facer cargo nin da adquisición do asilo nin da xestión da residencia".
Na súa intervención, a conselleira destacou o apoio e atención do Goberno galego ás persoas maiores, "que se pon de manifesto no reforzo dos orzamentos destinados, na posta en marcha de novos programas e servizos e no incremento do número de prazas de atención residencial sostidas con fondos públicos".
Ademais, a conselleira recordou que nestes momentos están en construción as novas residencias públicas de Antas de Ulla e Ribeira, e xunto con estas, Galicia contará con outras 900 prazas públicas a través dos centros que entregará chave en man a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas.
Neste sentido, Fabiola García sinalou que "resulta contraditorio que o concello de Cambados asegure que existe falta de prazas residenciais mentres non solicita as axudas para a posta en funcionamento de novas instalacións de titularidade municipal".
Segundo o alcalde, "dicirnos que non o solicitamos formalmente despois de telo plantexado en persoa a Rueda, despois de telo plantexado na Consellería de Facenda, en Patrimonio, e despois de solicitar reunións coa consellería de Facenda ata en tres ocasións que non foron atendidas e despois de terlle mandado por escrito unha carta ao presidente da Xunta don Alfonso Rueda solicitándolle que en Cambados necesitamos unha residencia… que me diga que non o temos solicitado é un pouco gracioso e chocante".
O alcalde de Cambados entende que a declaración da conselleira Fabiola García está "desmontando" os argumentos do PP de Cambados que pide ao Concello que compre o Pazo de Montesacro para que siga a funcionar como residencia de persoas maiores.
"Ela dí que non o adquira o Concello nin a Xunta, ninguén ten que adquirir o Pazo, e a residencia que a faga o Concello. E dicir, lávanse completamente as mans", afirma o alcalde. "A Xunta desenténdese do problema de Cambados, absolutamente".
Por último, o alcalde asegura que "Rueda maltrata a Cambados" como, ao seu xuízo, se "constata" coa reacción da Xunta ante este problema do asilo, que suma a outros casos como o Plan Especial ou á desafectación do Porto "e moitos outros investimentos" que reclama a vila do albariño.
Relacionadas:
-
Cambados rexeita empregar fondos do +Provincia da Deputación para adquirir o Pazo de Montesacro
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG quere que a Xunta compre o Pazo de Montesacro para convertelo nunha residencia pública de maiores
Por Redacción |
-
O alcalde de Cambados xestiona coa congregación relixiosa demorar os prazos de venda do asilo
Por Oskar Viéitez |
-
Cambados tentará conseguir o apoio da Deputación e da Xunta para comprar o asilo
Por Oskar Viéitez |