Tensión en Barro polo paso sen autorización de transporte especial con material destinado ao parque eólico do Monte Acibal
Por Anxo Lourido
Un vehículo especial de transporte con gran tonelaxe era parado este mércores en Barro. Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde do municipio, alertaba á Garda Civil de Tráfico do paso sen autorización do camión de grandes dimensións que levaba material para a construción do parque eólico do Monte Acibal, en Moraña; unha obra que foi suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e que, segundo denuncian diferentes colectivos, segue a executarse malia a orde de paralización.
Abraldes mostra o seu enfado porque tanto inicialmente a empresa que realiza as obras como agora os provedores de material queiran acceder por vías municipais sen autorización do Concello."O impresentable é que sigan traballando e que sigan subindo cousas, que o sigan preparando. Dalles igual o Concello, o TSXG e calquera cousa", denuncia o rexedor, moi molesto coa actitude destas empresas.
A situación, segundo relata a PontevedraViva, remóntase a meses atrás cando a empresa de Santiago que acomete as obras poñíase en contacto co propio alcalde para pasar unhas góndolas con 50 ou 60 toneladas. Contaban con outras alternativas por vías da Deputación de Pontevedra pero os xestores da empresa indicaban que os permisos se retardarían coa institución provincial e por iso querían pasar polas vías municipais. Naquel entón, Fernández Abraldes explicoulles que esa petición conlevaría uns trámites administrativos cun informe técnico e avais polos danos que puidese ocasionar este transporte en estradas cun firme moi débil.
Ademais, indica o alcalde nacionalista, a intención da empresa era pasar polo centro urbano de San Antoniño onde se atopan todos os equipamentos: gardería, colexio, instituto e o pavillón, co perigo de seguridade viaria que podería conlevar.
Mentres se tramitaba a solicitude, un día o alcalde comproba a circulación pola vila dun camión cargado con maquinaria pesada. O transporte foi paralizado e Xosé Manuel Fernández Abraldes chamou á empresa alertándoos de que non podían pasar por Barro sen autorización.
O mandatiro local explica que a empresa proxectaba o paso de setenta camións, cargados de formigón, ao día durante varias xornadas polo centro do municipio. Ante as palabras do alcalde, a empresa optou por utilizar vías pertencentes á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia para chegar ao seu destino en Moraña.
Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro: "Eu metínlle o coche do Concello diante do camión ata que chegasen os de Tráfico"
Pero durante a noite deste martes, un veciño detectaba un novo vehículo especial, cargado de material para o parque eólico. Unha vez avisado, o alcalde volvía chamar á empresa expoñendo que lle parecía "impresentable" que aproveitasen a noite para realizar esta actividade pero a súa sorpresa foi maiúscula cando, minutos máis tarde, se atopaba cun novo camión saltándose a prohibición de circular con máis de 10 toneladas de carga.
"Eu metínlle o coche do Concello diante do camión ata que chegasen os de Tráfico", asegura o alcalde, nunha escena insólita. Ante a chegada dos axentes, a empresa transportista tivo que realizar un transbordo do material a camións pequenos para poder desprazar a carga.
"Quero que esta xente entenda que porque sexamos un concello pequeno e non teñamos Policía Local, non se nos pode pisar. Somos tan importantes como os demais. Non se poden saltar á torera a normativa e pensar que se chulean pasando e crendo que non nos enteramos", apunta, molesto, o alcalde: "imos abrir un expediente administrativo cando Tráfico presente os datos da denuncia por pasar cun vehículo especial sen autorización por unha carretera municipal".
Abraldes explica que xa desfixeron pistas durante esas incursións furtivas. "Non quero que isto teña custo económico para a veciñanza de Barro nin prexuízo social", alega indicando que todo se debe a unha cuestión económica por parte destas empresas e que mesmo realizaron ameazas a traballadores públicos para que lles realizasen trámites administrativos con celeridade.
"O meu cabreo é o menosprezo a unha institución porque somos un concello pequeno e non tes unha policía que lles poida meter un paquete. Nós abriremos o noso procedemento ata onde dea. pero é un aviso a navegantes. Eles teñen unha misión divina e esa misión divina son os cartos e tiran para adiante", sentenza.