Buscan dous sospeitosos de atracar un banco en Vilaboa e deixar atados aos empregados
Por Natalia Puga
A Garda Civil mantén aberta unha investigación para localizar dous sospeitosos que este xoves atracaron armados con pistolas unha sucursal bancaria de Vilaboa.
Este atraco é moi similar a outros que se rexistraron nas últimas semanas noutros puntos da provincia de Pontevedra, e que manteñen en alerta á Garda Civil e a Policía Nacional.
Nesta ocasión, a alerta dérona desde o banco ás 14.22 horas deste xoves. Dous homes coa cara oculta cunha máscara e carapucha entraron no banco armados e levaron varios miles de euros.
Ocorreu nunha sucursal de Abanca en Santa Cristina de Cobres. Os asaltantes ameazaron aos dous empregados que estaba nese momento na oficina, metéronos nunha habitación e atáronos con bridas.
Cos empregados atados, os ladróns colleron todo o diñeiro que atoparon e abandonaron o banco.
Segundo a información facilitada pola Garda Civil, de momento, descoñécese como fuxiron os atracadores, pois os dous empregados estaban atados e non puideron verlles cando se foron.