Detidos os atracadores sospeitosos do atraco nun banco en Vilaboa
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo catro persoas como presuntos autores de dous atracos a entidades bancarias na provincia, entre eles, un rexistrado en Vilaboa o pasado 9 de novembro. En total, levaron máis de 140.000 euros cos que compraron coches.
A detención é resultado da operación Palomín, levada a cabo polo grupo de delitos contra o patrimonio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda civil de Pontevedra.
A investigación comezou a finais de outubro, tras un atraco nunha sucursal bancaria en Pazos de Borbén na que dous homes maniataron con bridas os clientes e empregados e encerráronos no cuarto de baño.
En Vilaboa, os ladróns tamén foron dous homes, neste caso, armados con dúas armas curtas. O primeiro atracador entrou coa cara descuberta e inmediatamente despois cubriuna usando unha máscara, mentres o seu compañeiro ocultaba o seu rostro coa carapucha da prenda que vestía. De novo, maniataron con bridas os dous traballadores da entidade e encerráronos no baño.
Os sospeitosos eran dous homes sobre quen había pendentes ordes de detención e ingreso en prisión e unha muller que exercía labores de vixilancia e acompañamento no exterior.
Un destes atracadores e a muller xa estaban a ser investigados por Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa por outros delitos.
A mediados de novembro, unha patrulla da Policía Nacional de Vigo detivo un deles por unha requisitoria pendente de ingreso en prisión. Nese momento foron intervidos uns 17.000 euros, e billetes de moeda estranxeira e foi enviado ao centro penal da Lama.
A partir deste momento, os demais membros de grupo intensificaron as súas medidas de seguridade, cambiando frecuentemente de lugar de residencia.
A finais de novembro, foron localizados a muller en Vilagarcía e o home en Sanxenxo e os investigadores confirmaron que o grupo contaba cun cuarto membro para substituír o que estaba xa en prisión.
Nese momento, estaban a organizar un novo atraco e o pasado e o día 30 organizáronse un dispositivo para a súa detención en Portonovo, cando circulaban ambos os homes nun vehículo dirección á sucursal que tiñan como obxectivo. A muller foi detida poucas horas despois na súa casa de Vilagarcía.
Nun domicilio de Portonovo foron achadas as armas utilizadas nos atracos, bridas, luvas e cartillas de aforro da entidade bancaria para utilizar como reclamo para que abrisen a porta de seguridade e 3.000 euros en efectivo.
No rexistro realizado en Vilagarcía localizaron pezas identificativas utilizadas nos atracos, así como cartuchería metálica de arma curta.
No terceiro rexistro, realizado en Vigo, domicilio materno do segundo atracador, localizaron unha carabina modificada, ademais de roupa utilizada no primeiro atraco.
Aos tres membros iniciais atribúenlles delitos continuados de roubo con violencia e intimidación e de detención ilegal, que están castigados con penas de ata 5 e 6 anos de prisión. Ao cuarto home, recentemente incorporado ao grupo, atribúeselle un presunto delito de conspiración para delinquir.
Os detidos foron postos ao dispor xudicial do Xulgado de Instrución número 1 de Redondela, quen decretou o ingreso en prisión do principal autor.