Desprazan o comedor escolar do colexio de Campolongo pola aparición de ratas
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
O comedor escolar do colexio Campolongo de Pontevedra tivo que trasladarse a outras dependencias dentro do centro debido á aparición de ratas na súa localización habitual, na casa do conserxe.
O presidente da Federación Provincial de ANPA de Pontevedra (Fanpa), Rogelio Carballo, confirma o traslado do servizo, que segue prestándose, pero tivo que deixar o seu lugar habitual e desprazarse ao ximnasio e o salón de actos.
O cambio produciuse este xoves 9 de novembro. Segundo explica a Fanpa, primeiro notaron a presenza dos roedores porque "apareceron sinais de que estaban alí" e xa durante a mañá o persoal do comedor atopou unha rata.
De inmediato, deron aviso e o tema chegou a coñecemento da Fanpa e a Dirección do colexio, que alertou á Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O comedor xestiónao a Fanpa, pero o mantemento e limpeza do mesmo depende do Concello de Pontevedra. Fontes municipais confirman que xa este xoves, tras chamarlles desde o colexio, puxéronse en contacto cunha empresa especializada en desratización.
A empresa empezou a traballar xa o xoves, pero aínda non hai data para que o servizo recobre a normalidade. Durante o tempo que dure esta situación, o colexio non terá ximnasio, de modo que urxe a súa resolución.
Fontes municipais explican que se sospeita que estas ratas apareceron no colexio como consecuencia directa do crecemento do caudal do río Gafos.
A Consellería de Educación confirma que a Xefatura Territorial de Pontevedra ten coñecemento do problema no comedor a través da Dirección, que lles informou de que "apareceron ratas no comedor, polo que se viron obrigados a pechalo".
Trátase do comedor do CEP Campolongo, aínda que algúns dos nenos da EEI Crespo Rivas tamén comen alí.
O xefe territorial está en contacto coa dirección do centro para seguir a situación.