Os padais máis esixentes, preparados para unha nova Etiqueta Negra
Por Alejandro Espiño
Como cada ano por estas datas xa está aquí Etiqueta Negra. O Recinto Feiral de Pontevedra abre este sábado as súas portas a unha nova edición, a sétima, da feira do gourmet galego e da innovación gastronómica. Poderase visitar durante tres días, ata o vindeiro luns.
Cociña en directo, presentacións de produtos, degustacións, catas comentadas, maridaxes e outras moitas actividades sucederanse ao longo dos próximos días para complementar os postos dos máis de oitenta produtores que participarán este ano.
Haberá, entre outras ofertas, viños, licores, cervexas e hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, caracois, carnes, embutidos, xamóns, conservas, cogomelos, legumes, algas, salsas e aderezos ou propostas veganas.
O primeiro día de Etiqueta Negra, entre outras actividades, acollerá un showcooking de repostería creativa co mestre pasteleiro Alexander Pérez (17:00 horas) e, a continuación, Adrián Albino, chef do restaurante Niño Corvo, guiará aos asistentes pola súa "cociña sen vergoña".
A feira organizará ademais dúas catas, unha de hidromel (13:45 horas) e outra de mel do bosque (18:00 horas), unha degustación especial de carne de porco celta (19:30 horas) ou unha sesión para degustar o TéAreeiro, elaborado con brotes e follas de camelia (18:00 horas).
Na zona de catas darán a degustar os seus produtos Maremonte (paté shiyake), Camposeiras (marmeladas de froita e verdura de tempada), Quesería Galmara (queixos, frescos, pastas fiadas e semicurados), Martietas de fío (galletas artesás) e O Rexo (queixos pardiñas e torneiros, e como novidade en Galicia, chourizo e salchichón de ovella).
Na viñoteca, pola súa banda, estarán Licores Pousa e o hidromel de Fenrir Galicia.
Etiqueta Negra estará aberta, en horario ininterrompido, o sábado e o domingo de 11:00 a 21:00 horas, mentres que o luns pechará unha hora antes, ás oito da tarde. A entrada custa 3 euros por día, pero poderase adquirir un abono por 5 euros para os tres días.
Haberá ademais unha zona de gastronetas, para poder comer no marco da feira; e, por primeira vez, para facilitar as compras dos adultos, unha ludoteca infantil para nenos e nenas de 3 a 8 anos, con sesións de contacontos centrados na alimentación e na cociña.
Relacionadas:
-
Conta atrás para Etiqueta Negra, a feira do gourmet galego: xa pode reservarse un stand para novembro
Por Redacción |
-
"Expectativas cumpridas" nun "novo éxito" de Etiqueta Negra
Por Oskar Viéitez |
-
Satisfacción entre os expositores de Etiqueta Negra: "Ten o equilibrio xusto entre gourmet e mercado de sempre"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Cando pensas que o probaches todo... chega Etiqueta Negra e innova co queixo, o café, as froitas ou a limonada
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra volve converterse no centro do gourmet galego e confirma que "hai Etiqueta Negra para longo"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Etiqueta Negra quenta os fogóns cunha exhibición gastronómica do chef Xosé Magalhaes
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Conta atrás para Etiqueta Negra, o "mellor escaparate" para un sector "que marca tendencia"
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra "quere gourmet galego" e presumirá del en novembro coa sétima Etiqueta Negra
Por Alejandro Espiño |