Iván Puentes: "Democracia é respectar a decisión dos cidadáns guste ou non guste"
Por Natalia Puga
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, insistiu este luns en dous termos, "democracia" e "Constitución", para facer unha valoración das manifestacións contra a amnistía e os acordos de investidura do PSOE de Pedro Sánchez con partidos cataláns celebradas en toda España o domingo, con miles de persoas na rúa tamén en Pontevedra.
Para o líder socialista pontevedrés, democracia e Constitución serven para xustificar que miles de persoas puidesen saír á rúa e tamén para explicar a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno e todo o proceso de negociacións.
Así, destaca que a democracia e a Constitución permiten que miles de cidadáns "poidan manifestar na rúa a súa oposición a determinadas medidas ou propostas que formulen outras formacións políticias".
Pero tamén que esa mesma democracia e esa mesma Constitución son tamén as que explican que o Congreso dos Deputados vaia elixir presidente a Sánchez "probablemente cunha maioría das máis amplas que teñamos vivido nas últimas lexislaturas"
"A maior expresión de democracia son as eleccións", lembra Puentes, tras os discursos críticos cos acordos de investidura e con Sánchez formulados durante os últimos días. E insiste en que as eleccións xerais do 23 de xullo permitiron que "non miles, senón millóns" de españois falasen depositando o seu voto na urna e decidisen a composición actual do Congreso.
En resposta aos cidadáns e políticos que saíron á rúa convocados polo PP en todas as capitais este domingo 12 de novembro, Iván Puentes insiste en que "a democracia é isto, é respectar o resultado e a decisión dos cidadáns guste ou non guste".
A democracia, insiste Puentes, "non é o que Alberto Núñez Feijóo parece que entende por democracia, que é tirar os dados ata que saia o resultado que el quere, repetir indefinidamente as eleccións ata que gañe o Partido Popuar". "Iso non é democracia, iso é conveniencia", profunda o socialista pontevedrés.
Relacionadas:
-
Domínguez nega que haxa "uso partidista das institucións" na convocatoria do pleno provincial para tratar a amnistía
Por Anxo Lourido |
-
O PP convoca un pleno extraordinario da Deputación para votar unha moción en defensa da Constitución
Por Oskar Viéitez |
-
A apertura de Raíña Vitoria, entre as dez condicións que pon o PSOE para apoiar os orzamentos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Centos de persoas capitaneadas por Vox rodean a sede do PSOE
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
Multitudinaria manifestación contra a amnistía coa contorna da Peregrina colapsada
Por Natalia Puga & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O PP de Pontevedra convoca unha concentración para protestar contra a amnistía
Por Oskar Viéitez |
-
O debate pola amnistía embaza a concordia do pleno municipal
Por Alejandro Espiño |