O Concello de Meis e a Deputación colaborarán para mellorar a escola infantil de Mosteiro
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, asinaron este martes un convenio de colaboración para a mellora da eficiencia enerxética e creación dunha nova aula na escola infantil de Mosteiro.
A administración provincial financiará 400.000 euros, o 85 % do orzamento, e o Concello achega o 15 % restante (70.000 euros).
Este convenio está enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030).
O presidente provincial sinalou que "son moi boas noticias para o Concello e os habitantes de Meis. É un proxecto que nace da man da colaboración entre a Deputación e o Concello porque levamos no noso ADN o municipalismo".
A obra, valorada nun total de 467.000 euros, ten un dobre obxectivo. Por unha banda, mellorarase a eficiencia enerxética do inmoble a través da renovación da envolvente exterior, da implantación dun novo sistema para o quecemento da auga sanitaria, da instalación dun novo sistema de climatización por aerotermia e da substitución da carpintería exterior.
Por outro lado, a intervención servirá tamén para reorganizar os espazos interiores da escola infantil para crear unha nova aula que permita atender a crecente demanda da única escola infantil para nenas e nenos de 0 a 3 anos coa que conta o Concello.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.
A sinatura deste convenio entre a Deputación e o Concello de Meis foi o motivo da primeira visita institucional de Luis López a este municipio do Salnés. O dirixente provincial quixo "agradecer o trato que nos dispensaron. Meis é un exemplo de municipalismo e colaboración leal encamiñada a que os veciños obteñan o mellor beneficio. É a miña primeira visita como presidente da Deputación, pero estou seguro de que non será a última", concluíu López.
Relacionadas:
-
A cuarta 'Gala de meisinas e meisinos do ano' celébrase o 27 de xaneiro
Por Anxo Lourido |
-
Investirán 116.000 euros nas obras de conservación da Casa Barroca de Combarro
Por Redacción |
-
O PSOE insta á Deputación do PP a acoller 35 inmigrantes africanos na residencia de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
Organizan unha xornada formativa de educación afectiva sexual destinada a familias de Sanxenxo con adolescentes
Por Redacción |