Atropelan unha muller de 69 anos en Joaquín Costa
Por Natalia Puga
Unha muller de 69 anos resultou ferida e tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo de Pontevedra logo de ser atropelada na mañá deste xoves na cidade.
O atropelo produciuse na confluencia entre as rúas Joaquín Costa e Antón Fraguas.
Segundo a información oficial facilitada pola Policía Local de Pontevedra, o condutor do vehículo saía de Antón Fraguas e ía cara a Joaquín Costa. No momento de xirar, non se decatou da presenza desta muller e atropelouna.
O condutor circulaba a pouca velocidade, pero xa non lle deu tempo a esquivar este peón. Como resultado do impacto, a muller queixábase dun nocello e de dor nun pulso, de maneira que foi trasladada ao Hospital Montecelo.
Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos da Policía Local de Pontevedra, Protección Civil e de Urxencias Médicas de Galicia.