Castañas a mancheas para os tres magostos simultáneos deste sábado en Vilaboa
Por Redacción
Este sábado 18 de novembro, Vilaboa celebrará tres magostos simultáneos. Será nas parroquias de Bértola, Santa Cristina e San Adrián de Cobres. Unha semana despois, o 25 de novembro, Figueirido pechará esta serie de magostos.
En todos os casos, informan dende o Concello de Vilaboa, a degustación das castañas asadas será gratuíta para a veciñanza.
BÉRTOLA
A parroquia de Bértola recupera esta festa por todo o alto, interrompida dende a pandemia.
A asociación de veciños que preside Emilio Juncal Farto instalará unha carpa na que a partir das 19.30 horas se asarán máis de 600 kilos de castañas. Haberá xogos para a rapazada e unha monitora para dirixilos. Dous tríos musicais amenizarán a xornada.
Ademais de castañas, agasallarase á veciñanza con rosca e queimada. Tamén están previstos varios sorteos nos que os afortunados poden levar dúas cacheiras, dous xamóns ou dous reloxos de pulso.
SANTA CRISTINA
En Santa Cristina o magosto é tamén unha tradición con máis de 20 anos de historia. Ricardo Fernández, presidente da asociación de veciños A Cruz de Pedra, está á fronte da organización dunha tarde de convivencia ao redor das castañas, os chourizos asados e viño do país gratis para todos os asistentes.
Da ambientación encargaranse os grupos folclóricos da parroquia a partir das 19.30 horas.
SAN ADRIÁN
Á mesma hora, 19:30 horas, comezará a festa en San Adrián de Cobres. A comunidade de montes ten todo a punto para facer unha festa sinxela pero con moitas ganas de diversión. Castañas, choripán e un posto de venda de bebidas servirán para render tributo o outono e que a veciñanza teña unha motivo lúdico para reunirse xunto ao lume que ase as castañas.