A Plataforma polo Dereito ao Aborto condena o "ataque" de asociacións "retrógadas e ultracatólicas" ao Concello
Por Redacción
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto manifesta a súa "máis enérxica repulsa" ás accións que puxeron en marcha "as organizacións más retrógadas e ultracatólicas" contra o Concello de Pontevedra en reacción á pancarta instalada na Casa Consistorial reivindicando o lema "Polo Dereito das Mulleres a Decidir. Aborto Libre e Gratuito".
Entre esas asociacións cita de forma explícita o 'Foro da Familia' e 'Hazte Oír', pola esixencia da primeira de que se retire a citada pancarta e a campaña de bloqueo do correo da Alcaldía de Pontevedra da segunda.
Nun comunicado, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto sostén que esta "campaña" das dúas organizacións ao concello capitalino débese "ao seu apoio ao dereito a decidir das mulleres" e apunta tamén a un terceiro colectivo que entrou en escena con esta mesma liña reivindicativa, o grupo 'Derecho a Vivir', que instalou valados publicitarios na cidade para pedir "Aborto Cero".
"Temos claro que iso é un ataque ás mulleres e ao dereito a decidir sobre os nosos corpos, e por iso queremos mostrar o noso apoio, neste momento, ao Concello de Pontevedra, que está sendo criticado polos setores máis reacionarios por se posicionar a favor dos nosos dereitos", manteñen.
Ademais, esixen que todos os actores sociais e o Estado respeten "a nosa autonomía sexual e reprodutiva" e faciliten a informacion e os medios para exercela sen riscos. Reclaman a "inmediata retirada da contrarreforma do ministro Gallardón porque atenta contra os dereitos fundamentais das mulleres e mostra a súa anulación e desprezo máis absoluto".
Dende o colectivo sinalan que lles gustaría lembrar a organizacións "ultraconservadoras" como o 'Foro da Familia', 'Derecho a vivir' e 'Hazte Oír' que "as morais privadas non poden facer leis nunha sociedade aberta" e que a actual normativa "non obriga a abortar, apenas garante o dereito a decidir libremente sobre a nosa maternidade". "O dereito a ser nai pasa polo dereito a non selo", conclúen.
Relacionadas:
-
"Na nosa cona non manda ninguén"
Por Redacción |
-
Pontevedresas da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto participarán na Romaría Lilá en Vigo
Por Redacción |
-
Hazte Oír "colapsa" o e-mail da Alcaldía esixindo a retirada da pancarta do aborto
Por Alejandro Espiño |
-
O Foro Galego da Familia esixe ao goberno de Pontevedra que retire inmediatamente a pancarta sobre o aborto
Por Redacción |
-
Animan os pontevedreses a dar "un golpe potente na mesa" contra a "retrógrada" lei do aborto
Por Redacción |